Peque lidera ao Pescados Rubén, que suma todos os tantos na casa

A campioa de Europa anota tres goles e dá unha asistencia para dobregar ao Móstoles (5-1)

Peque foi desequilibrante. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF derrotou ao Móstoles (5-1) para sumar a décima vitoria na casa, tantas como partidos xogou en Vista Alegre no que vai de curso.

O cadro burelao asegura así o liderado da Liga Foro 16 Feminismo e mete presión ao Atlético Navalcarnero, que fica a seis puntos das mariñás aínda que cun partido menos, o que xogará esta tarde (18.30, La Estación) ante o Universidad de Alicante.

Malia o 5-1 final, o cadro madrileño puxo en dificultades ás locais, que marcaron os seus dous últimos tantos -obra de Peque e Cris– no minuto 40, cando as visitantes buscaban reducir diferenzas co xogo de cinco.

A recente campioa de Europa con España, Peque, abriu o marcador no no minuto 13, rendabilizando o recurso da porteira-xogadora que tan bo resultado deu ao conxunto de Julio Delgado e Lucas nas últimas tempadas. Coa mínima renda do Burela chegouse ao descanso.

Á volta dos vestiarios, Cris aproveitou un pase dunha decisiva Peque para marcar o 2-0. O Móstoles non baixou os brazos e acadou o 2-1 no minuto 32, ao transformar a veterana internacional Patri Chamorro un dobre penalti.

Peque, unha vez máis desequilibrante, deu a réplica ao minuto seguinte. Malia que o Móstoles creou perigo co xogo de cinco, non foi capaz de achegarse no marcador; si conseguiu poñer terra de por medio o cadro local, que asegurou un novo triunfo diante da afección.

VINDEIRA XORNADA

Na vindeira rolda, o Pescados Rubén FSF visitará ao Guadalcacín, equipo da zona baixa da táboa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here