O Burela FS leva o derbi galego e saca seis puntos ao segundo clasificado

O Pescados Rubén bate ao Santiago e aproveita a vitoria do Betis fronte ao Manzanares

Iago Míguez e Lucho celebran un gol. AXM

O Pescados Rubén Burela FS derrotou ao Santiago Futsal no derbi galego (5-2) e reforza o seu liderado, pois quita seis puntos ao segundo clasificado.

Os discípulos de Juanma Marrube amplían nun tanto a renda sobre o seu inmediato perseguidor despois da vitoria (4-1) do Real Betis, que comezou a xornada na terceira praza, ante o Manzanares, que chegaba ao duelo co cadro andaluz no segundo posto.

O conxunto compostelán non tardou en poñerse por diante no marcador. Fíxoo no minuto 4, por medio de Everton. Equilibrou o marcador ao cuarto de hora Matamoros, que aproveitou un penalti pitado sobre o viveirense e ex do Pescados Rubén Christian Chao.

O tanto deu ás ao Burela, que deu a volta ao resultado dous minutos antes do descanso cun tanto de Iago Míguez. O bo momento dos locais seguiu tralo paso polos vestiarios, cando Luisma aumentou a vantaxe tras manobrar de espaldas cun movemento de pivote clásico.

O Santiago non se deu por vencido e Everton anotou o seu segundo tanto apenas segundos despois do 3-1, para levar de novo a incerteza ao electrónico.

A dez minutos para o final, Renato fíxo boa unha combinación a balón parado con Matamoros e Pope para devolver ao Burela FS unha renda cómoda. Nos minutos finais, tanto os visitantes como os locais -para someter ao seu rival- optaron polo xogo de cinco e o pivote madrileño pechou o encontro ao transformar un penalti, no que supuxo o seu décimo noveno tanto.

VINDEIRA XORNADA

O Burela terá un par de semanas para afrontar un encontro que pode ser decisivo, a domicilio contra o Manzanares (9 de marzo, 18.15 horas, Municipal).

O conxunto de Ciudad Real queda a oito puntos dos burelaos, polo que se xogará a súa última oportunidade para tentar loitar polo ascenso directo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here