O Burela FSF perde a Cris, cunha rotura do cruzado anterior, para o resto da tempada

A pivote murciana terá que ser operada e o prazo estimado de recuperación oscila entre os seis e os oito meses

Cris, nun partido en Vista Alegre. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF perderá a Cris polo que resta de curso despois de confirmarse que sofre unha rotura de ligamento cruzado anterior e unha rotura parcial de ligamento colateral medial.

A resonancia magnética realizada o pasado martes confirmou os peores presaxios logo de que a pivote murciana tivese que ser trasladada ao Hospital Público da Mariña ao lesionarse no encontro do pasado sábado fronte ao Jimbée Roldán (3-2).

Así, Cris terá que pasar polo quirófano. Os servizos médicos do club burelao valorarán esta semana xunto á xogadora a data de intervención e os seus posteriores prazos de recuperación, cun período mínimo de entre seis e oito meses.

PEZA CHAVE

Na súa primeira tempada co cadro laranxa, Cris mostrouse como unha xogadora fundamental para o equipo. No presente curso anotou doce tantos, colocándose -só por detrás de Peque, con 16, e de Dany, con 15- como a terceira anotadora do conxunto burelao.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here