O Burela FSF leva os tres puntos de Espluges de Llobregat tras un partido de poder a poder

O Atlético gañou ao Móstoles (2-0) e segue a tres tantos do líder do conxunto burelao

Equipo do Burela FSF en Esplugues de Llobregat. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF padeceu para gañar a domicilio ao Penya Esplugues (3-4), pero acadou tres puntos cos que mantén a raia ao Atlético Futsi Navalcarnero, que segue a unha vitoria do cadro laranxa tras derrotar ao Móstoles (2-0) no derbi madrileño.

Peque e Jenny deron unha vantaxe de dous tantos ao conxunto burelao nun inicio demoledor (0-2, minuto 6). O equipo mariñao tivo o 0-3 nun par de boas oportunidades, pero perdoou e as locais reduciron diferenzas no minuto 17 por medio de Arantxa.

A propia Arantxa animou ao equipo catalán co 2-2 ao pouco de volver dos vestiarios. Segundos despois, Cami anotou o 2-3, ao que respondeu Pilar. Co 3-3 Jozi estivo decisiva ao deter un contragolpe.

Julio Delgado e máis Lucas apostaron polo xogo de cinco desde o minuto 30 e tanto locais como visitantes poideron desequilibrar a balanza no seu favor. No minuto 37, o Penya Esplugues disparou ao pau e un minuto despois, Cami aproveitou un envío ao segundo pau para decidir o duelo.

VINDEIRA FIN DE SEMANA

A vindeira fin de semana, o cadro burelao medirase en Vista Alegre ao actual campión galego, o Poio Pescamar, nun derbi que se presume apaixonante. O Futsi visitará ao Guadalcacín. Na mesma tarde laranxa, o equipo masculino recibirá ao Talavera.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here