Adrián Ben prepara a tempada con Tokio 2020 no horizonte

O atleta viveirense fíxase o próximo obxectivo tras unha campaña extraordinaria na que debutou coa selección española absoluta en dous campionatos de Europa

Adrián Ben, no Europeo de Glasgow. EFE

O atleta viveirense Adrián Ben prepara no Centro de Alto Rendemento (CAR)  de Madrid a vindeira tempada. Tras un curso no que debutou coa selección española absoluta, coa que participou no Campionato de Europa de Berlín en agosto pasado e no Europeo indoor de Glasgow en marzo, no horizonte do mediofondista aparecen os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

Repasamos a súa traxectoria no preludio dunha campaña que pode ser chave na meteórica progresión do corredor, de vinte anos.

Como te iniciaches no atletismo?                                                                             

As primeiras veces que corrín foi na carreira de Viveiro. Logo empecei a adestrar no CEIP Santa Rita de Galdo onde fixen toda a primaria co meu profesor de Educación Física, Luis Ramallal, que sempre foi un promotor e un referente do deporte na Mariña Lucense e fixo que moitos rapaces, non só eu, fixesemos deporte.

Adestraba con el polas mañás, martes e xoves, e, polas tardes ía xunto a Felipe e Pedro Esmorís e seguiamos co atletismo. Gustábanos aos tres. Eles tamén seguiron vinculados ao atletismo, de feito, organizan a Camovi.

“O meu primeiro adestrador e profesor, Luis Ramallal, fixo que moitos rapaces, non só eu, fixesemos deporte”

Cando empezaches a competir?

Nese tempo competía nas probas escolares que había. Logo, a partir de segundo da ESO, federeime co Lucus Caixa Rural. Alí estiven cinco anos con Mariano Castiñeira como adestrador.

PRIMEIROS PASOS NA ALTA COMPETICIÓN

Cando te deches conta de que terías un futuro na alta competición?

Cando eres neno o teu soño sempre é ser olímpico pero, non lembro ter ese pensamento nun momento concreto. Tampouco nunca dubidei de que non puidera chegar. Competía, pasábao ben, e pouco a pouco chegaron os triunfos que foron dando forma a miña traxectoria.

O primeiro éxito internacional do mediofondista foi na proba de 2.000 metros obstáculos

Cal foi o primeiro máis significativo?

A primeira participación nun Campionato de España ou, a nivel internacional, o Mundial de 2015 onde logrei a sexta posición na proba de 2.000 metros obstáculos.

CENTRO DE ALTO RENDEMENTO

Naquel momento eras atleta do Lucus, logo fichaches polo FC Barcelona.

Si, vai para tres anos que estou no club e no CAR de Madrid. Solicitei a praza e a Federación Española de Atletismo apostou por min.

Que medios tedes nun centro así?

Todos. No meu caso, o que utilizo son o ximnasio e a a pista. E tamén un sitio moi amplo para poder correr, rodar, como dicimos nós, na Casa de Campo. Ademais estou rodeado dos mellores deportistas de España. No meu caso, teño unha beca interna, vivo alí. Agora, en pretempada, podo permitirme saír, dar unha volta, pero nos períodos fortes, só adestro e descanso.

Que tipo de traballo facedes na pretempada?

É unha preparación distinta a que facemos durante os meses de competición. Son adestramentos longos, de forza, para gañar fondo de cara á temporada.

“Fíxome en atletas como Jesús España ou Arturo Casado, pero quero facer o meu propio camiño”

En que espello te miras?

O atletismo é un pouco traicioneiro en canto a iso, así que prefiro ir marcando o meu camiño. Si que me fixo en atletas como Jesús España ou Arturo Casado, pero non son de ídolos. Non quero ser o relevo de ninguén, se non marcar un camiño propio.

ESPECIALISTA EN 1.500 METROS

Identificámoste coa proba de 1.500 metros, sempre foi a túa?

Funme especializando nos 1.500 metros, gústame porque penso que teño mellores cualidades que para correr por exemplo os 3.000 metros. Os 800 metros tamén me gustan pero é unha proba un pouco máis explosiva, que se adapta peor as miñas condicións. Pero de pequeno corría obstáculos, que me parece unha proba máis lesiva, por iso a deixei.

“PENSO QUE TEÑO MELLORES CUALIDADES PARA OS 1.500 QUE PARA OS 3.000 OU 800, PROBAS QUE TAMÉN ME GUSTAN”

As institucións prestáronche o apoio que precisaches?

Si. A Deputación de Lugo ten unhas bolsas que levo obtendo desde fai tempo e que son unha axuda moi importante. Agora tamén teño a beca da Federación Española de Atletismo.

E logo está o apoio de meus pais, que me respaldaron ao 200 por cento. Non só en canto ao diñeiro, se non tamén polo tempo que sacrificaron e porque apostaron completamente porque eu fixera atletismo. Esa dedicación foi a que fixo posible que chegara ata aquí.

DEBUT COA SELECCIÓN ABSOLUTA

Os últimos meses foron moi intensos, con que momento te quedas?

A miña primeira internacionalidade absoluta no Europeo de Berlín. Un paso moi grande na miña carreira. Un lazo cortado para poder seguir crecendo como deportista. Máis aló do resultado, correr no Olympiastadion con medallista mundiais coma Filip Ingebritgsen, cun montón de público seguindo a proba, foi incrible. Unha experiencia que nunca vivira. Tamén me quedou moi bo sabor de boca da participación no Campionato Mediterráneo.

“COMPETIR NO EUROPEO DE BERLÍN FOI UN LAZO CORTADO PARA SEGUIR CRECENDO COMO DEPORTISTA”

Cal é a próxima proba na axenda?

A Milla Urbana de Avilés, o 21 de abril. É unha carreira popular, urbana, para acercar o atletismo á xente. É un ambiente que me gusta aínda que o deporte de alto nivel e o popular son moi diferentes.

“CORRER É UNHA MANEIRA DE POÑERSE EN FORMA E ATOPARSE BEN. PERO TAMÉN HAI QUEN ACTÚA CON CERTA TEMERIDADE”

As probas populares multiplicáronse nos últimos anos. Que opinas disto?

A xente estase dando conta de que correr é unha vía de poñerse en forma, estar saudable e atoparse ben. Hai persoas que descobren que teñen cualidades e pasan á competición. Pero tamén hai que actúa con certa temeridade, que pasa de non correr a facer maratóns e iso ten o seu risco para a saúde.

Comentamos que estás en pretempada, cal é o obxectivo para o curso que vén?

Prepararme para intentar estar nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here