Renato decide no último segundo para o Pescados Rubén FS, que avista o ascenso

O canteirán burelao culmina o remonte dos locais (5-4) a cinco décimas do final e sitúa ao conxunto laranxa a dúas vitorias da promoción directa á Primeira División

Xogadores do Burela FS celebran un gol. AXM

O Pescados Rubén Burela FS situouse a dous pasos do ascenso directo á Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) despois de remontar en Vista Alegre ante o Talavera (5-4) nun partido épico que resolveu un gol de Renato no último segundo.

O conxunto laranxa ten seis puntos de renta sobre o Betis -que gañou en Córdoba (3-4)- a falta de catro xornadas para o final da Liga regular. Ademais, ten a vantaxe do goalaverage particular sobre o cadro andaluz. Deste xeito, con dúas vitorias máis, o Burela FS sería matematicamente equipo da máxima categoría.

O partido comezou sen respiro, co 0-1 do veterano Justo Cáceres no minuto 2. Joselito deu axiña a réplica e uns segundos despois Renato puxo por diante ao cadro burelao. A ledicia dos locais non durou, pois Josete anotou o 2-2.

Nunha primeira metade aberta e con ocasións para os dous bandos, o Talavera manexouse mellor e tivo máis pegada, o que se traduciu nun 2-4 ao descanso, con tantos de Sergio González e Anass.

A PACIENCIA, CHAVE

No segundo tempo, o Burela FSF armouse de paciencia e apostou polo xogo de cinco. O recurso do porteiro-xogador non deu resultado ata o minuto 34, cun tanto de Vargas.

Quedaban seis minutos para o desenlace e o Burela FS insistiu ata acadar o empate no minuto 39, cunha diana de Luisma.

A euforia de salvar un punto que parecía perdido apoderouse do Vista Alegre, pero o mellor estaba por chegar: o Pescados Rubén non se conformou co empate e Renato, a cinco décimas da bucina, premiou a perseverancia dos locais.

VINDEIRA XORNADA

O Pescados Rubén FS visitará na vindeira rolda da Liga (sábado, 18.30 horas) ao Córdoba. Os burelaos mirarán de reollo a Noia, onde o cadro galego podería botar unha man aos de Juanma Marrube de de rabuñar puntos contra o Betis (sábado, 18.15).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here