Proxectos en Lourenzá, Viveiro e San Cibrao aspiran a aliviar a falta de pistas de atletismo na Mariña

A Federación Galega afirma que se buscará financiamento para o proxecto dunha instalación na Voltiña, "xa elaborado", e que se reunirá co goberno de Cervo para a homologación da Veiga

Pistas de atletismo da Veiga, en San Cibrao, sen homologar. AXM

O vicepresidente de relacións institucionais e área social da Federación Galega de Atletismo, Jesús Vázquez, repasou o estado dalgúns proxectos de instalacións deportivas na provincia de Lugo, entre os que se atopan varios na Mariña Lucense.

Vázquez precisou que “hai un proxecto técnico elaborado na Voltiña, zona de confluencia entre Mondoñedo e Lourenzá“. Nesta zona o Concello de Lourenzá ofreceu terreos e un estudo económico para unha instalación deportiva e Vázquez sinala que “os dous gobernos locais mostraron moi boa predisposición e toca valorar o financiamento que poida chegar doutras administracións”.

O vicepresidente subliñou tamén “o interese de Viveiro para ver as opcións de mellorar as condicións para os seus atletas e estamos vendo posibilidades”, aínda que polo de agora non concretou nada máis que as conversas. 

No tocante ás instalacións deportivas da Veiga, Vázquez explicou que “temos pendente poñer data para unha xuntanza co Concello de Cervo, onde se atopan as pistas de San Cibrao, hoxe en día sen homologar“.

CARENCIA

A ausencia de pistas de tartán na Mariña Lucense é un hándicap que afrontaron corredores de primeiro nivel, como o viveirense Adrián Ben, e que padecen cada día os equipos de atletismo afeccionados da bisbarra.

CLUB DE ATLETISMO EN BURELA

Concello de Burela e Federación impulsaron en febreiro a creación dun novo club de atletismo na Mariña Lucense, o do municipio burelao. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here