Entradas anticipadas esgotadas para a tarde na que o Burela FS se xogará un título e un ascenso

A rentransmisión do encontro das guerreiras pola TVG 2 modificará os horarios, polo que o partido do equipo masculino comezará ás 17.30 horas e o do masculino iniciarase ás 20.30

Peque e Lara abrazan a Bea. AXM

O vindeiro sábado, o Pescados Rubén Burela FS vivirá unha das xornadas máis vibrantes da súa curta pero meteórica historia, desde a súa fundación no ano 2001.

O equipo masculino ten a tiro o ascenso á Primeira División e o feminino disputará unha final polo título ante o outro aspirante á Liga Foro 16 Feminismo, o Atlético Futsi Navalcarnero. A importancia dos dous encontros non escapou á poboación da Mariña Lucense, que esgotou nun só día as entradas anticipadas para non socios.

Os que non dispoñan de carné e queiran asistir á “tarde laranxa” deberán ser os máis madrugadores o sábado, pois a taquilla abrirase a partir das 16.30 horas. As localidades custarán dez euros para os non asociados, de balde para os menores de idade.

SOCIOS

Debido á gran demanda, os socios do Pescados Rubén Burela FS terán que recoller a súa entrada (de balde) para asistir aos encontros.

Poderán facelo xoves e venres na sede do club, de 8.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00. Ou ben o sábado, no pavillón, de 11.00 a 13.00 horas.

O club expón que os abonos que non teñan retirada a súa entrada no día do encontro poderán liberarse ás 17.15 horas.

CAMBIO DE HORARIO

O CD Burela FS informou de que o horario dos dous encontros modificarase por necesidades da produción da Televisión de Galicia (TVG), que retransmitirá pola súa canle 2 o partido do cadro feminino (20.30 horas).

As “guerreiras” aventaxan en tres puntos ás madrileñas, polo que mesmo un empate podería ser suficiente para acadar o seu obxectivo, pero de perder igualarían a tantos e cederían o goalaverage particular, polo que o encontro presúmese apaixonante.

O encontro do equipo masculino, que recibe ao Noia Portus Apostoli, comezará ás 17.30 horas. Aos discípulos de Juanma Marrube abóndalles con sumar un punto nas tres xornadas que restan da Segunda División para promocionar directamente á máxima categoría.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here