O Burela FS despide cunha derrota en Vista Alegre un curso inolvidable

O Pescados Rubén encaixa ante o Barça B a terceira derrota dunha tempada impecable, na que obtivo o título de Liga e o ascenso á Primeira División

Os xogadores do Pescados Rubén Burela FS celebran un gol. AXM

O Pescados Rubén Burela FS pechou a competición na Segunda División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) cunha derrota ante o Barcelona Lassa B (2-5) que non empaña a Liga regular impecable realizada polos discípulos de Juanma Marrube, que alcanzaron o título e o ascenso á máxima categoría do fútbol sala español.

O cadro local adiantouse axiña, no minuto 3. Pope quitou un córner e o visitante Juan José introduciu o balón na súa propia portería. Pasado o primeiro cuarto do encontro, Matamoros aumentou a renda cun disparo cruzado. Renato topou co pau na mellor ocasión dos locais para sentenciar un encontro que cobrou nova vida antes do descanso co 2-1, obra de Khalid.

Na segunda metade, o cadro catalán remontou o encontro ante un Burela FS ao que lle faltou profundidade. Nil anotou o 2-2 antes da media hora e Khalid desequilibrou a balanza con dous tantos, un nun contragolpe e outro cun disparo afastado. Nil, de novo, puxo o 2-5 definitivo a 34 segundos do final, co Pescados Rubén envocardo sobre a meta barcelonesa co xogo de cinco.

EDU, XOGADOR DO ANO

O veterano porteiro naronés Edu foi recoñecido co Trofeo Sandoz ao Mellor Xogador 2018-19, por xentileza de Kessarys Joyeros e grazas á valoración, xornada a xornada, de técnicos, prensa e afección.

Edu recibe o galardón. AXM

COPA GALICIA

Coa liga clausurada, os burelaos volverán aos adestramentos mañá pola mañá para prepara a fase final da vixésimo oitava Copa Galicia, que se disputará nas Pontes o luns e martes. Os mariñaos enfrontaranse na primeira semifinal a Santiago Futsal ás 18.30 horas. Ás 20.30 mediranse O Parrulo FS Ferrol e Noia Portus Apostoli. A final será o martes ás 19.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here