O Burela FS remonta un 0-3 contra o Santiago e aspira a revalidar a Copa Galicia

O Pescados Rubén descabalga por penaltis ao cadro compostelán e cítase co Parrulo na final do trofeo autonómico, que se disputará este martes

Renato, durante a semifinal. AXM

O Pescados Rubén Burela FS conseguiu esta tarde nas Pontes o billete para a final da vixésimo oitava Copa Galicia, despois de remontar un 0-3 e eliminar por penaltis ao Santiago Futsal. Os discípulos de Juanma Marrube pelexarán por revalidar o título este martes, a partir das 19.00 horas, cando se citarán co Parrulo FS.

Comezaron os de Santi Valladares máis incisivos. Everton, Santi e Pirata puxeron o 0-3 no marcador antes do cuarto de hora de partido.

O cadro burelao optou polo xogo de cinco e Lucho acurtou distancias no electrónico no minuto 17. O 2-3 chegaría no 25, obra de Matamoros tras un saque de falta de Renato. Tras insistir moito ante o porteiro viveirense Iago Barro, que frustrou case todas as tentativas do seu ex equipo, Luisma acadou o empate a dous minutos para o desenlace.

A SOÑAR CO DOBRETE

Na quenda de penaltis, o Burela FS estivo máis atinado e colleitou un pase que lle permite soñar co dobrete na presente tempada, despois de gañar a Liga de Segunda División e consumar dese xeito o ascenso á máxima categoría da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here