Burela acollerá a Copa da Raíña de fútbol sala

A competición copeira, do 14 ao 16 de xuño, reunirá na Mariña Lucense aos oito mellores equipos de España

Dany tenta regatear a Amelia, do Atlético, nun ateigado Vista Alegre. AXM
Burela acollerá a vixésimo quinta edición da Copa de España feminina de fútbol sala, que por primeira vez se denominará Copa da Súa Maxestade a Raíña. A fase final do campionato celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño no pavillón Vista Alegre.
Así o confirmou a Real Federación Española de Fútbol. Os oito equipos mellor clasificados da liga regular da Liga Foro 16 Feminismo, a máxima categoría do fútbol sala feminino estatal, participarán no campionato.

CINCO CLASIFICADOS

Entre eles estará o Pescados Rubén Burela FSF, que segue a súa pelexa co Atlético Futsi Navalcarnero polo título de Liga. Ademais dos dous primeiros clasificados da Liga, Alcorcón, Ourense Envialia e Poio Pescamar teñen billete para a cita. A falta de tres xornadas por disputarse, Jimbée Roldán, Universidad de Alicante, UCAM El Pozo Murcia e Penya Esplugues xogaranse tres prazas.

CRUCES

Os cuartos de final arrincarán o venres 14, o sábado disputaranse as semifinais e o 16 o partido decisivo. O primeiro da táboa enfrontarase ao oitavo, o segundo ao sétimo, o terceiro ao sexto e o cuarto ao quinto.

TERCEIRA VEZ

O Pescados Rubén Burela foi anfitrión do torneo nas edicións de 2011 e 2014. O edil de deportes de Burela, Ramiro Fernández Rey, asegura que “é unha honra” e “un pracer” para o municipio acoller esta competición. “Apostamos por campionatos desta índole, non só pola repercusión deportiva do evento, senón tamén polo impacto social para o concello e para A Mariña”, explica.

RETORNO ECONÓMICO

O concelleiro referiuse ao retorno económico deste tipo de torneos. “Van vir oito equipos coas súas xogadoras, acompañadas de familiares e seguidores”, expuxo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here