Peque lidera ao Burela FSF, que derrota ao Alicante e está en semifinais da Copa da Raíña

A á-pivote madrileña, con tres tantos, impulsa ao Pescados Rubén, que avanza nun torneo que encheu Vista Alegre de ambiente de fútbol sala

Peque presiona a unha xogadora do Universidad de Alicante. AXM

Liderado por unha espléndida Peque, que anotou tres goles, o Pescados Rubén Burela FSF derrotou ao Universidad de Alicante (5-2) no último enfrontamento dos cuartos de final e avanza nunha Copa da Raíña que encheu Vista Alegre de ambiente de fútbol sala.

Logo duns minutos de nervios e imprecisións, o Pescados Rubén Burela FSF meteuse no encontro e tivo tres ocasións case consecutivas nas botas de Jenny, Cami e Lara.

GRAN INICIO

A xogadora viveirense abriu o marcador despois de realizar unha efectiva presión alta xunto con Cami. Ambas as dúas futbolistas do cadro laranxa souberon combinar para habilitar á 10 do Burela, que non perdoou ante a porteira alicantina Jenny.

O gol deulle azos ao Pescados Rubén, que por momentos gustouse con dúas espléndidas xogadas colectivas que Jenny e Lara non foron capaces de culminar, e con detalles individuais como un sombreiro de Dany de antoloxía.

REACCIÓN VISITANTE

Con todo, o 1-0 deixaba o partido aberto e o Universidad de Alicante estirou liñas despois de aguantar a superioridade local sen bicar o chan. No minuto 13 chegou a súa primeira oportunidade, desbaratada por Jozi fronte a Anita. No 14, a porteira brasileira do Burela FSF estivo de novo rápida, desta volta ante Raquel, para afastar o perigo. Segundos despois, a gardameta salvou outro tanto ao desviar un remate cercano de Anita nun saque de esquina.

A CONEXIÓN JOZI-PEQUE OBRA O 2-0

Foron momentos de desconcerto para o Burela, que viu perigar a súa vantaxe e perdeu o dominio do encontro. Unha incerteza que aclararon a propia Jozi e Peque cunha xogada de quilates. A porteira do conxunto burelao encontrou á á-pivote madrileña cun milimétrico pase longo. A 7 do Pescados Rubén FSF demostrou unha vez máis o seu enorme talento elevando sutilmente o balón ante Jenny para acadar o 2-0.

SEGUNDO TEMPO

Con todo, o Universidade de Alicante non se rendeu e no minuto 27 limou diferenzas no electrónico cun tanto de Elenita. Bea Mateos e Peque, nunha xogada similar á do 2-0, na que recibiu da porteira aínda que sen poder superar por alto a Jenny, estiveron a piques de devolver ao Burela FSF os dous goles de vantaxe.

Si atinou a á-pivote madrileña no minuto 34. Bea Mateos recuperou un balón no campo do Universidad de Alicante e deixou á 7 do Pescados Rubén soa ante Jenny. Cunha tranquilidade impropia nun encontro da competición do K. O., Peque axustou o balón ao pao dereito da portería visitante e marcou o 3-1.

SEN ATRANCOS

O tanto do Burela pesou ao conxunto alicantino e deu folgos ás anfitrioas, que ampliaron a súa renda por medio de Bea Mateos segundos despois. Lara, a catro minutos para o desenlace, deu algunha esperanza ao equipo da comunidade valenciana de manterse vivo no torneo.

De aí ao final, o xogo de cinco do conxunto visitante non lle abondou para poñer en atrancos ás discípulas de Julio Delgado e máis Lucas; ao contrario, Peque aínda culminaría unha tarde espléndida co 5-2 nos segundos finais.

FUTSI E ALCORCÓN, OUTROS SEMIFINALISTAS

O vixente campión de Liga, o Futsi Atlético Navalcarnero, pasou apuros para mostrar a súa condición de favorito fronte ao equipo revelación da competición ligueira, o Penya Esplugues (5-4). Ourense Envialia, que eliminou ao Poio Pescamar (1-0), e Alcorcón, que se desfixo na primeira quenda dos cuartos de final do Jimbée Roldán (1-5), son os outros semifinalistas.

Alcorcón-Futsi (17.45 horas) e Burela-Ourense (20.00 horas) serán os enfrontamentos de semifinais do sábado. En xogo un posto na final do domingo, prevista para as 17.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here