Máis de 2.000 quilómetros en bici pola doazón de órganos

Santi López Chao, transplantado de corazón fai 17 anos, percorre a ruta entre Lannion, na Bretaña, e Viveiro

Santi López Chao xunto aos seus compañeiros de viaxe Adrián García, Jacobo Díaz e David Díaz. AXM

Máis de 2.000 quilómetros en bicicleta en quince días. Este é reto deportivo que se marcou o viveirense Santi Chao para promover a doazón de órganos, tecidos e medula ósea.

Acompañado polos xovenses Andrés García Piñeiro e os irmáns David e Jacobo Díaz, o pasado 8 de xuño emprenderon a viaxe entre a localidade de Lannion, no norte da Bretaña, e Viveiro.

Un transplante de corazón salvoulle a vida despois de sufrir un accidente de moto. “Quedabame un semana e pasaron 17 anos. Formei a miña familia, teño dúas fillas, e podo facer isto”, conta.

“Sempre defendín as doazóns, pero nos últimos anos tratei de darlle máis visibilidade. En xuño pasado fixen a Transpirenaica (entre Cabo de Creus e Hondarribia) con Adrián e este ano propuxémonos un reto deportivamente máis duro, para xerar maior interese e espallar a mensaxe”.  “Regala vida”, pode lerse nos seus maillots.

UN RETO DEPORTIVO

Os catro viaxeiros fan unha media de 130 quilómetros diarios – unhas oito horas enriba da bicicleta-, con 25 quilos de equipaxe e a mercé da meteoroloxía. Entre a choiva intensa que alongou a segunda etapa ata os 31 graos de temperatura que soportaron o pasado sábado.

Os ciclistas quentáronse e secaron a roupa á caron do lume tras a segunda etapa

Este martes completarán a número 11, os primeiros quilómetros na Pensínsula despois de percorrer nos últimos días todo o traxecto francés do percorrido, seguindo a ruta cicloturista Velodyssee, a máis longa de Francia.

TRANSPLANTES E DEPORTE

“Preguntamos cal vos parece que é o transplantado e a xente non acerta. Por fóra somos todos iguais aínda que por dentro funcionamos distinto”, explica Chao, que atopou na asociación Deporte &Transplante España un apoio para descubrir “que hai moita vida detrás dun transplante”.

“Botei anos a tratamento psicolóxico porque non aceptaba a situación e o deporte fíxome saír de todo iso. Sei que teño unha serie de limitacións e tomo moito medicamento (15 pilulas diarias), pero fago unha vida practicamente normal”, expón o viveirense.

Os viaxeiros subiron a un ferry para cruza a ría de Royan

“Vaste incorporando dunha forma case experimental, vendo que o que che senta ben e o que che senta mal. Os médicos non sempre teñen unha resposta porque faltan aspectos por investigar”, comenta sobre a súa volta ao mundo do deporte tras o accidente.

DA MOTO Á BICI

Despois de meses renegando da moto, volveu subir nela e retomou a súa prometedora traxectoria como motociclista, logrando o subcampionato da Liga Galega de Moto de Campo.

“Corría con xente non transplantada, co obxectivo de lograr uns resultados deportivos. Isto é distinto, fágoo porque me gusta. De feito, saio a andar en bicicleta case todos os días”, aclara.

Os catro participantes. AXM

O mércores arrancará unha nova etapa, co ánimo de seguir a axenda marcada e chegar a Viveiro o domingo 23 de xuño.

“Levántome as seis e media da mañá porque teño que tomar unha pastilla unha hora antes de almonzar. Saímos arredor das oito”.

No seu perfil de Facebook, vai deixando o rastro da viaxe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here