InicioDeportesO Burela FS competirá en Vista Alegre agás os partidos televisados, que...

O Burela FS competirá en Vista Alegre agás os partidos televisados, que disputará en Viveiro

A LNFS aproba a moratoria solicitada polo conxunto burelao, que comezará a Liga da Primeira División o 14 de setembro, coa visita do Santa Coloma

Publicada o

- Advertisement -

A asemblea da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) acordou este xoves conceder ao Pescados Rubén Burela FS unha moratoria para competir a vindeira campaña na Primeira División no pavillón de Vista Alegre. Con todo, os partidos televisados deberanse xogar en Viveiro.

Malia que o pavillón burelao non cumpre os requisitos estipulados pola organización, especialmente no que atinxe a retransmisión de partidos por televisión, a LFNS concede a moratoria para que se acometa a reforma de Vista Alegre, despois de que o Concello quitase a concurso esta semana a redacción do proxecto de mellora do recinto.

Con todo, o Pescados Rubén Burela FS só poderá xogar en Vista Alegre os encontros non televisados. Aqueles que sexan retransmitidos por televisión deberanse desputar no pavillón de Viveiro. O club xa recibiu o permiso do goberno local, que este verán acometerá a reforma do parqué con fondos da Deputación de Lugo.

PRAZO DUNHA TEMPADA

Tal e como adiantara o Burela FS, o prazo da moratoria é dunha tempada, para que o cadro laranxa poida seguir xogando como local no pavillón burelao, o executivo local deberá ter lista a instalación para o comezo do curso 2020-2021.

O Concello mantén aberto, ata o 22 de xullo, o prazo para as empresas que queiran presentar propostas para o arranxo do pavillón.

INICIO DA LIGA NA CASA

A LNFS tamén aprobou o calendario da Liga 2019-2020. O Pescados Rubén Burela FS comezará a tempada na Primeira División na fin de semana do 14 de setembro ante o Industrias Santa Coloma catalán. O cadro laranxa rematará a campaña na pista do Jimbee Cartagena, o 2 de maio.

OS TRES GRANDES, EN OUTONO

Na cuarta xornada (prevista para o 5 de outubro) chegará a primeira visita do conxunto burelao ao un dos grandes da competición, Movistar Inter.

Na sexta rolda (19 de outubro), o Pescados Rubén FS desprazarase á pista de El Pozo Murcia.

Dúas semanas despois, na oitava xornada (9 de novembro), o equipo mariñao renderá visita ao Barcelona Lassa, vixente campión.

O Burela FS recibirá ao Inter Movistar o 25 de xaneiro, na xornada 19. O conxunto murciano chegará á Mariña Lucense o 15 de febreiro, e o defensor do título farao o 29 dese mesmo mes.

O DERBI GALEGO, EN NOVEMBRO

O primeiro episodio do derbi galego contra O Parrulo será na xornada 10 da competición, o 23 de novembro, cando os discípulos de Juanma Marrube se desprazarán a Ferrol. O conxunto ferrolán visitará Burela o 23 de marzo, na rolda 25 da Liga regular. Podes consultar o calendario completo neste enlace.

O BLOQUE, AO COMPLETO

O equipo laranxa anunciou nas últimas semanas as renovacións do á andaluz Vargas, de Juanfran -autor de 14 goles no pasado curso- e do porteiro e capitán do cadro burelao Edu. Así pois, Juanma Marrube dispón de 15 futbolistas para o regreso á máxima categoría do fútbol sala español.

Ademais de Vargas, Juanfran e Edu, continuarán do bloque que acadou o ascenso de categoría Joselito, RenatoPopeMatamorosLuchoIago MíguezPitero e Luisma.

A estes dez futbolistas sumáronse catro incorporacións: Álex Diz (Osasuna Magna), Éverton (Santiago Futsal), Nené (Meta Catania) e o gardameta polaco Kaluza (Rekord Bielsko-Biala).

O conxunto burelao confirmou as baixas de Hélder (O Parrulo), Nito -que xogará cedido no Santiago– e Porto -que igualmente militará a préstamo no Noia Portus Apóstoli-.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...