O Pescados Rubén Burela FSF segue sen ceder puntos no seu camiño da Primeira División tras derrotar (3-1) ao Leganés en Vista Alegre.
O conxunto laranxa sumou a quinta vitoria da tempada nun encontro completo das discípulas de Julio Delgado e máis Lucas, que souberon maniatar ao seu rival e crearon varias ocasións de perigo.
Jane abriu o marcador segundos antes do cuarto de hora. O 1-0 foi o premio ao monólogo do cadro laranxa; Jenny Santos e Lara Balseiro toparan antes coa gardameta visitante, Elisa, sen que Jozi pasase atrancos. De aí ao descanso, o Pescados Rubén tivo o segundo tanto nas botas de Bea Mateos, Cilene e Ale de Paz, sen acerto na finalización.
Á volta dos vestiarios, Jane avisou de novo nunha oportunidade que foi o preludio do 2-0, obra de Peque no minuto 26. A talentosa á madrileña repetiu un minuto despois, deixando o partido visto para sentenza.
Werner acurtou diferenzas a falta de cinco minutos para o desenlace, sen que perigase a vitoria local malia o xogo de cinco das visitantes.
A VINDEIRA FIN DE SEMANA, DESPRAZAMENTO A ALACANTE
Atlético Futsi Navalcarnero e Ourense Envialia son os únicos dous equipos que, ao igual que o Burela FSF, manteñen un pleno de triunfos. Na sexta xornada da competición, o conxunto laranxa medirase a domicilio ao Xaloc Alacant.