A vitalidade do fútbol feminino sae á luz na Mariña

Coa presentación esta semana do Burela, a comarca terá dous equipos de mulleres en ligas federadas

Presentación do equipo feminino do Burela na Marosa. SD BURELA

Non se poñen detrás de ningunha bandeira, pero son as protagonistas dunha situación inédita no deporte da Mariña. A comarca contará por primeira vez con dous equipos de fútbol femininos en ligas federadas. Esta semana presentouse ao público o conxunto da SD Burela, e a comezos de agosto comezará os adestramentos o Ribadeo FC-Spórting Pontenova, que se prepara para a segunda temporada en competición. Os clubs deron acomodo a unha paixón que ten moita máis historia.

DE VIEIRO Á MAROSA

O xerme do novo equipo do Burela está en Viveiro, donde a afección polo fútbol feminino se mantivo  a redor do torneo de Landrove que se organiza dende 2012. Entre os partidos do torneo e outras “pachangas” creouse un equipo amateur que, ademais de aproveitar todas as oportunidades que tiñan para xogar, se ocupaba de preparar e manter a punto o campo natural de Vieiro.

“Xogar na Milagrosa fíxonos máis visibles para todo o mundo”

Ana María estivo desde o inicio nese conxunto, que o ano pasado deu o salto á competición federada da man da SCD Milagrosa. “Antes estaba todo moi parado, ir xogar á Milagrosa fíxonos moito máis visibles para todo o mundo”, di a dianteira.  Visibilidade a cambio de quilómetros, por iso o que máis valoran do novo proxecto  é que “volvemos á casa”, asegura.

“Alégrome de que o Burela nos dea agora esta posibilidade, sobre todo polas máis pequenas”, di Ánxela. “Disfrutan moitísimo co fútbol, véselles a ilusión na cara. O que pode facer un equipo de fútbol!”, resalta a xovense. “De nena  xogaba ao baloncesto. Era iso ou ximnasia rítmica, non tiñamos moitas más opcións”, lembra.

UN PROXECTO AMBICIOSO

No banco do Burela estará Jesús Rial que acompañou ás xogadoras en todo este periplo. Antes de recalar na Milagrosa, fixeron a pretemporada con Ribadeo FC e Spórting Pontenova pero “eramos demasiadas para un único equipo, e tomamos ese outro camiño”.

A experiencia no club lucense –o único da provincia que ten equipos de base feminino- marcoulle novas metas. “A medio prazo, se a resposta é positiva, trataremos de impulsar tamén unha canteira feminina, como xa fan na Milagrosa”, comenta o técnico. “O Burela foi o primeiro que nos ofreceu o seu paraugas para desenvolver esta idea, pero tamén se interesaron outros clubs”, explica Rial, que destaca o “compromiso” sobre calquera outra cualidade á hora de falar do grupo co  que compartiu os últimos seis anos.

“A medio prazo, se a resposta é positiva, trataremos de impulsar equipos de base femininos”

Non é o único aval na carta de presentación do equipo de cara ao inicio da Liga Fútbol 8 Coruña. Coa camiseta da Milagrosa, as rapazas quedaron segundas, “cun sabor agridoce, porque puidemos ser primeiras”,  destacan Ana María e Ángela, con ganas de volver competir.

Plantilla do Ribadeo-Spórting Pontenova nun partido da temporada pasada. TWITTER RIBADEO FC

AS PIONEIRAS NA MARIÑA

Os primeiros clubs da Mariña en recoller o auxe do fútbol feminino foron o Ribadeo FC  e o Spórting Pontenova, que sumaron forzas para darlle empaque ao que foi o primeiro conxunto de mulleres da comarca. O proxecto uniu a xogadoras que viñan do equipo de fútbol sala feminino de Ribadeo e a rapazas que levaban meses tratando de darlle viabllidade a un equipo feminino na Pontenova.

“Reuniamonos os venres na Mina para adestrar pero non eramos abondas para formar un equipo co que puidesemos competir”, comenta Sheila, que xogou ao fútbol sala en Riotorto “ata que superei a idade para xogar nun equipo mixto”.

O Ribadeo FC-Spórting Pontenova debutou a temporada pasada na Segunda División galega. “A primeira volta foi moi boa. Gañamos case todos os partidos, contra todo prognóstico, e iso deunos un plus de motivación. Nacho (o adestrador) fixo un traballo impresionante logrando facer un equipo con xogadoras con niveis moi diferentes”, comenta Arantxa. “Sen xente coma el, que tirou do carro tanto dentro do campo coma fóra, moitas de nos non teriamos esta oportunidade”, recoñece.

“As nenas que queren xogar ao fútbol teñen máis posibilidades, pero seguen faltando referentes”

Tamén agradecen a acollida do público. “É verdade que non hai tanta xente como nos partidos do equipo masculino, pero é un equipo cun nivel competitivo maior. E ademais o Ribadeo é un club centenario, hai afeccionados que levan indo corenta anos ao campo a velos. Nós acabamos de empezar”, argumenta Arantxa, unha das veteranas.

Esta futbolista leva 22 anos xogando, alternando entre o fútbol e o  fútbol sala, en Lugo, Friol, Coruña, Rábade e Ribadeo, e fala con perspectiva. “Cambiou todo moitísimo. Daquela era excepcional que unha nena xogase ao fútbol sala e máis ao fútbol. Agora creo que as que queren facelo teñen máis posibilidades, pero seguen faltando referentes”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here