Dous goles en contra no último minuto e medio condenan ao Burela FSF ante o Futsi

As 'guerreiras', que dispuxeron de dous dobres penaltis ante Belén, quedan a catro puntos do cadro madrileño

Jane conduce a pelota perseguida por Anita Luján. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF sufriu un revés en Vista Alegre (2-3) ante o Atlético Futsi Navalcarnero nunha nova edición do clásico entre os dous equipos máis fortes da máxima categoría. O cadro mariñao queda a catro puntos do seu rival na clasificación da Primeira División.

O partido comezou coa intensidade propia dun envite entre os dous mellores equipos da competición. Malia que por primeira vez a máxima categoría decidirase con play offs polo título, as dúas entidades queren rematar a Liga regular co factor cancha a favor.

O Futsi deu primeiro por medio de Leti, que adiantou ao conxunto madrileño no minuto 10. O Burela FSF tivo o empate nas botas de Jane, Jenny Lores e Ale de Paz. Foi Dany, oportunista para aproveitar un rexeitamento, quen conseguiu igualar o marcador a tres minutos do descanso. Antes do paso polos vestiarios, Lara Balseiro desfrutou dun dobre penalti para poñer por diante ao Pescados Rubén, pero topouse cunha excelente porteira como Belén.

CONTRAGOLPE EXCEPCIONAL

Nada máis comezar o segundo acto, Jane puxo por diante ao Burela FSF logo dunha gran acción de Jozi, que sacou rápido para Peque. A porteira brasileira ofreceu cousas tanto en ataque como na portería, pois salvou o 2-2 ante Ari.

Con catro minutos para o remate, Lara Balseiro gozou dun novo dobre penalti que de novo detivo Belén. Aí, quizais, estivo o triunfo para o cadro da Mariña Lucense, pois Leti apareceu de novo para culminar unha acción con xogo de cinco do Futsi e equilibrar o electrónico.

Quedaba un minuto e medio e Julio Delgado e Lucas arriscaron, optando polo xogo de cinco, con Bea Mateos de porteira xogadora. O cadro burelao non tivo a paciencia suficiente e xa, con igualdade numérica, o equipo madrileño completou o remonte cun tanto de Amelia Romero a pase de Ju Delgado, a 52 segundos do final.

NA VINDEIRA XORNADA, DESPRAZAMENTO A ALACANTE

O cadro burelao queda así a catro puntos do Futsi, que segue a contar os seus partidos por vitorias na máxima categoría. Na vindeira xornada, o Pescados Rubén Burela FS visitará ao Universidad de Alicante.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here