Xoel García Neira: “Fixemos unha estratexia para aproveitar o vento en contra e saíu ben”

O padeeiro focego acadou unha medalla de bronce no K-2 1.000 do Mundial xuvenil de Bulgaria

Xoel García Neira. CONCELLO DE FOZ

Acaba de acordar e está canso despois dunha semana de competicións e de viaxes, pero a mente de Xoel García Neira semella ver todo cunha claridade impropia dun rapaz que aínda está en etapa de formación. O padeeiro do Club Kayak de Foz vén de acadar a medalla de bronce no K-2 1.000 júnior do Mundial xuvenil e sub-23 de Plovdiv, en Bulgaria.

A que sabe a primeira medalla nun Mundial?

Sabe a satisfacción, ao reflexo do moito que adestramos. Fixemos unha preparación moi intensa en Trasona que comezamos en setembro e que requeriu de facer algúns sacrificios, como estar fóra da casa. Xa estivera dous anos en Pontevedra, pero esta vez foi practicamente unha concentración. Desde maio centrámonos no Mundial co seleccionador español júnior, e decidín participar no K-2 1.000 e no K-4 500.

“foi un ano de concentración, fóra da casa. non se pode ter todo e decántaste por unha opción, pero a medalla sabe a satisfacción”

Non se pode ter todo e nestos casos teste que decantar por unha opción, para min foi difícil marchar da casa pero tamén vives este tipo de experiencias que a maioría dos rapaces da miña idade non poden vivir.

CRECEMENTO

En que medraches como deportista nestes anos fóra?

Eu penso que na madurez competitiva. Participar no Mundial da Xuventude o ano pasado deume pouso. Fun o primeiro deportista da miña xeración en saír e iso deume unha tranquilidade, unha calma para afrontar as probas. Penso que, á hora de competir, se te quitas os nervios tes moito gañado.

“penso que nestes últimos anos gañei en madurez. no piragüismo, se remas sen nervios tes moito gañado”

Contabas con pelexar por unha medalla?

O obxectivo da selección española era ambicioso, queriamos meter todos os barcos nas finais A, nas que compiten os nove mellores do mundo. Esa era a nosa meta principal, despois sacar ou non medalla depende de detalles. E ao final conseguímolo en todas as probas de idade júnior.

Xoel, segundo pola esquerda, foi o abandeirado español en Plovdiv. CLUB KAYAK DE FOZ

No K-2 1.000 eu víanos con posibilidades, porque David Darne e máis eu convivimos todo o ano en Trasona e estamos acostumados a remar xuntos. Tamén pensei que teriamos opcións no K-4 500, aínda que era máis complicado, porque dous dos catro membros viñan de Pontevedra e non tiñamos tanto hábito.

CAMPIONATO

Como foi esa final que valeu o bronce?

Tocounos competir pola parte do cadro dos bielorrusos, campións de Europa, e decidimos ir a tope para ver en que estado estabamos. Quedamos a un segundo deles e iso deunos confianza. Nas semifinais notamos un pouquiño os nervios e foi axustado, case quedamos fóra.

“na final de k-2 1.000, o noso barco pesaba máis e decidimos apertar nos últimos 500 metros”

Chegamos á final sen presión. O vento en contra beneficiábanos e decidimos unha estratexia de apertar a partir dos últimos 500 metros. Para que te fagas unha idea, cada un de nós pesa uns 80 quilos e iso, con esa climatoloxía, daba estabilidade ao noso barco. Así que empezamos atrás, pero conforme os demais ían sufrindo, nós acabamos mellor e incluso estivemos preto da prata, que perdimos cos checos por pouco.

De quen te acordaches nese intre?

Da miña familia e da miña moza, que nos acompañaron a Bulgaria, dos meus adestradores… De moita xente que me axudou.

Tamén quixera agradecer o apoio dos meus patrocinadores, Construcciones Saa e a Mancomunidade da Mariña. Grazas a eles podo desprazarme e darlle á miña familia un alivio económico nese aspecto.

K-4 500

No K-4 500, aínda que sen medalla, tamén estivestes entre os mellores do mundo.

Si. Aí notouse que non estabamos tan acoplados coma no K-2 1.000 por non poder adestrar tanto tempo xuntos, e tamén nos pasou factura competir con pouco descanso.

“o noso deporte non é tan popular coma outros, pero os que o practicamos facémolo con paixón”

A nosa semifinal e a final A estaban programadas cunha diferenza de dúas horas e penso que nos prexudicou con respecto a rivais que tiveron máis tempo para recuperar. Aínda así, quedounos un bo sabor de boca. Estamos orgullosos porque cumprimos co obxectivo e porque o dimos todo, quedamos baleiros.

E agora, tocará descansar, ou non?

Pois agora teño un mes e medio de vacacións, pero a verdade é que estou desexando subirme de novo na piragua e competir, aínda que non sexa a ese mesmo nivel do Mundial. De feito, o sábado vou participar cun amigo no Descenso do Sella e seguirei adestrando pola miña conta.

“a medalla dá ganas de subir á piragua. pero tamén vou comer unhas patacas fritidas, que non as probaba desde o nadal”

A medalla ten ese efecto, dáche ganas de seguir competindo nese deporte que é a túa paixón. O piragüismo non ten tanta repercusión coma outros deportes e practicámolo non porque pensemos que vaiamos ser populares, senón por que nos gusta moito.

Pero imaxino que, despois de tanto sacrificio, tamén apetecerá relaxarse un pouco. Que botabas de menos facer?

Pois hei de comer patacas fritidas, que non as probo desde o Nadal. E tamén saír cos amigos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here