O Pescados Rubén FS vai de máis a menos e cae goleado na pista do Levante

Tres goles entre os minutos 15 e 21 apartan dos puntos ao cadro burelao, que se adiantara no inicio por medio de Matamoros

Lusima disputa o balón con Cuzzolino. AXM

O Pescados Rubén Burela FS caeu na pista do Levante UD (6-1) nun partido no que foi de máis a menos. O cadro da Mariña Lucense adiantouse axiña no marcador pero chegou ao descanso en desvantaxe e no segundo acto non puido pelexar polos puntos ante o cadro levantino.

Foi Matamoros, no minuto 2, quen puxo por diante no electrónico aos discípulos de Juanma Marrube. O pivote madrileño anotou o seu décimo segundo gol no que vai de tempada. O cadro burelao sufriu para aguantar a vantaxe ante un cadro local que disparou dúas veces ao pau -por medio de Gallo e Cecilio– antes do tanto do empate, obra de Maxi Rescia ao cuarto de hora, tras un pase do seu compatriota Cuzzolino.

JOSELITO E LUISMA, LESIONADOS

Antes do descanso e xusto despois de que Joselito tivese que retirarse por lesión, Cecilio acadou a primeira diana da súa sobresaínte actuación, un 2-1 que fixo dano ao Burela FS. Os burelaos encaixaron o 3-1 -segundo do futbolista cordobés- á volta dos vestiarios, pouco antes de que se mancase tamén Luisma, substituído no 23.

Foron demasiados contratempos e o equipo laranxa encaixou o 4-1, o que completou o hat trick de Cecilio, no minuto 27. Cunha desvantaxe de tres goles, o técnico alfocego apostou polo xogo de cinco, pero o porteiro-xogador non deu resultado. Pedro Toro e Pedro completaron a goleada nos últimos compases do encontro.

DEBUT DE XANDE E PIXOTE

Xande de los Santos e Pixote, incorporacións do Pescados Rubén Burela FS no mercado de inverno, debutaron co conxunto burelao, que continúa como pechacancelas da Primeira División, con dez puntos.

O INTER, A VINDEIRA FIN DE SEMANA

Os de Juanma recibirán a vindeira fin de semana ao líder da máxima categoría, o Inter Movistar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here