O Pescados Rubén FS cede ante un Barcelona que non dá opción á sorpresa

O equipo burelao adiantouse por medio de Álex Diz e tivo ocasións para acadar o 2-2 e o 2-3, pero sucumbiu ante a pegada do segundo clasificado

Pixote presiona a Marcenio. PESCADOS RUBÉN BURELA FS

O Pescados Rubén Burela FS non puido culminar a sorpresa da xornada na Primeira División e perdeu nun ateigado Vista Alegre contra un dos xigantes da máxima categoría, o Barcelona (1-6), nun encontro no que os locais foron de máis a menos.
Álex Diz adiantou aos da Mariña Lucense no minuto 4, despois dun roubo de balón en media pista. A ledicia durou ata o 8, cando Daniel equilibrou o marcador ao rematar un saque de esquina. Nunha xogada similar, só que con remate de Aicardo, o Barça púxose por diante ao borde do cuarto de hora. Antes do descanso, Pixote e Lucho tiveron o 2-2, pero foi o cadro blaugrana quen ampliou o seu botín co 1-3 de Adolfo.
Á volta dos vestiarios, Renato e Joselito toparon co espléndido gardameta visitante, Juanjo. Foron as últimas opcións do Burela FS para agarrarse ao encontro, posto que á media hora de xogo Dyego marcou o 1-4. O técnico local, Juanma Marrube, optou polo xogo de cinco, pero o conxunto laranxa non foi capaz de achegarse no marcador. Adolfo, con dous tantos, completou o resultado definitivo.

O ZARAGOZA, VINDEIRO RIVAL

O Zaragoza, a domicilio o 14 de marzo, será o vindeiro rival do Burela FS, que disputará unha auténtica final, pois o equipo maño atópase tamén na loita por eludir o descenso. O cadro laranxa é o pechacancelas da categoría, con 13 puntos, por 15 do seu rival.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here