Coñece o Raid Gallaecia, que rematará en Viveiro o 19 de maio

A carreira, a única que se celebrará en España das Series Mundiais da especialidade, mesturará a orientación con probas de trekking, kayak, bicicleta de montaña ou corda

Presentación do evento. AXM

Viveiro será a meta e campamento base do Raid Gallaecia 2019, un evento deportivo multidisciplinar de esixencia extrema que será a única carreira que se disputará en España -e unha das dúas que se celebrará en Europa– das oito que compoñen as Series Mundiais da especialidade. Será do 12 ao 19 de maio, aínda que os actos previos da competición comezarán o día 10.

O Raid Gallaecia será a terceira cita –tras Australia e Paraguay- do calendario das Series Mundiais. Os dous primeiros equipos clasificados obterán billete para a final do Campionato do Mundo da modalidade. A carreira, cunha distancia duns 500 quilómetros, mesturará a orientación -non se poderá utilizar en ningún momento GPS nin reloxos que sintonicen o seu rastro-, probas de aventura -a pé ou trekking, en bicicleta de montaña ou en kayak– e actividades de corda –rappel ou tirolina-. Pasará polos 16 concellos da Mariña Lucense e Muras, onde comezará o percorrido.

A organización agarda que participen no evento, que se celebra por terceira vez, arredor de 40 equipos mixtos, que estarán formados por catro integrantes. Nas dúas edicións anteriores do Raid Gallaecia, desputadas no sur da comunidade e Santiago e en Ferrolterra e Ortegal, competiron deportistas de 24 nacionalidades diferentes, e no 2019 espérase que acudan formacións dos cinco continentes. Francia, Nova Zelanda ou os países escandinavos achegarán os principais favoritos.

A proba durará cinco días, aínda que os equipos máis potentes poderían rematar o percorrido nunhas 80 horas. Sen embargo, os actos previos iniciaranse o día 10. Os participantes hospedaranse en Viveiro, onde asistirán á presentación, a unha charla técnica e á entrega de material, así como mapas da primeira metade da carreira.

PRESENTACIÓN

Participaron no acto de presentación no consistorio viveirense a alcaldesa, María Loureiro, o concelleiro de deportes, Emilio Villarmeá, Pablo López, director da proba, e Felipe Martínez, do equipo viveirense Roq Sport

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here