O peche italobrasileiro Giasson, cuarta novidade dun Burela FS que inicia a pretempada este luns

Procedente do Córdoba, o novo 13 do Pescados Rubén cumprirá en agosto 33 anos e foi campión de Europa coa selección transalpina

Giasson. CEDIDA

O peche Daniel Giasson (Caxias do Sul-Brasil,1987) incorpórase ao Pescados Rubén Burela FS como cuarta novidade no proxecto para a tempada 2020-21, xunto ao pivote Diego Quintela e os ás David Pazos e Javi Rodríguez. O italobrasileiro recala na Mariña desde o Córdoba Patrimonio de la Humanidad e tras dúas tempadas en Jaén Paraíso Interior.

Logo dunha ampla traxectoria en Italia -en Nepi, Lazio C5, Torino C5, Ceccano, Real Rieti C5, Calisport Cogianco, Pescara ou Luparense-, Giasson defenderá o 13 laranxa na súa cuarta tempada en España.

O pasado curso, Giasson xogou 19 partidos co Córdoba, cinco deles como titular, anotando dous goles. É internacional coa selección italiana, coa que se proclamou campión do Europeo de 2014. Na final marcou un gol na vitoria fronte a Rusia (3-1).

A pretempada mariñá comezará este luns, pensando no 5 de setembro, data de inicio da campaña na Primeira División. “Creo que será unha volta á competición un pouco atípica -tempo de preparación, público, carga de partidos ao comezo-, pero logo do que vivimos, creo que podería representar unha esperanza de volta á normalidade e esta é un pouco a mensaxe a mandar. Non hai que deixar de loitar; a responsabilidade de cada un é moi importante. Esperamos que o fútbol sala poida ser un entretemento para todos”, reflexionaba Giasson, que será presentado oficialmente nos vindeiros días.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here