Os brazos máis fortes de España compiten en Ourol

Os ouroleses quitan 14 medallas, unha de ouro, nun campionato estatal con 112 deportistas

Campionato de España de loita de brazos en Ourol. CLUB DE LUCHA DE BRAZOS DE OUROL

Francisco Rodríguez, presidente do Club de Lucha de Brazos de Ourol, está fundido. Non só porque vén de competir -e quedar subcampión- no campionato de España da especialidade, senón porque a entidade que preside organizou este ano o torneo, o primeiro que se celebra en Galicia. “Comezamos a preparalo o 21 de xaneiro”, asegura, “e creo que necesitamos descansar”, chancea. Nuns días estará coma novo, pero a ledicia non lla quitará ninguén: houbo récord de participantes, con 112 deportistas.

16 DAS 17 COMUNIDADES, REPRESENTADAS 

Ata 16 das 17 comunidades autónomas españolas tiveron representación no campionato estatal celebrado en Ourol, que foi un éxito rotundo. “Tiñamos medo de que a xente non se animase a vir, porque isto queda lonxe para moita xente, pero houbo moitos participantes e tamén público. Os veciños do municipio apoiaron este evento e veu xente de Asturias e de todas as provincias galegas. Creo que o traballo de promoción que fixemos tivo resultado. Estamos satisfeitos ao cen por cen”, asegura Rodríguez.

O equipo ourolés. CLUB DE LUCHA DE BRAZOS DE OUROL

LAURA CREGO, MEDALLA DE OURO

O campionato supón un impulso importante para un club que gañou a votación da sede do torneo con claridade -69 votos por 33 de Ciudad Real– malia ter só dous anos de vida.

No 2016 só competiron a nivel español dous representantes da entidade ourolesa; neste torneo fixérono 16. Ademais, con bos resultados: o equipo local rabuñou 14 medallas, unha delas de ouro, a que conquistou Laura Crego, en categoría sénior femenina. Porque a loita de brazos non é cousa de homes, tampouco de adultos; participaron na proba persoas de oito a setenta anos. “Hai oportunidades para todos, adaptadas ao peso, á idade… Ata 53 clasificacións diferentes. Aquí pode probar quen queira”, asegura Rodríguez.

E cal é o segredo da loita de brazos, un pulso regrado con árbitros e amonestacións? “Penso que na maioría dos casos depende da velocidade, da rapidez e da técnica que teñas. Exercitamos moito as articulacións. Tamén hai que saber medirse, sobre todo nos combates igualados. Ter intuición para saber gardar forzas e atacar. Pero sobre todo hai unha cousa fundamental”, asegura Rodríguez, e logo chancea. “Perder moito”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here