O Pescados Rubén FSF é líder tras gañar ao Zaragoza na estrea en Vista Alegre

Cris e Lara anotaron os goles do cadro laranxa, que acumula seis puntos dos seis disputados

Cris, autora dun gol no seu debut en Vista Alegre, durante o encontro. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF é o líder da Liga Foro 16 Feminismo despois de derrotar (2-0) a un recén ascendido, o Sala Zaragoza, que ofreceu unha boa imaxe en Vista Alegre.

As ‘guerreiras’ comparten o liderado da máxima categoría co Penya Esplugues, ambos equipos con seis puntos. Quedan, iso si, dous partidos por disputar da segunda xornada; o do Poio Pescamar, que visitará ao Femisport o 6 de decembro, e do campión, o Jimbée Roldán, que recibirá ao Móstoles.

GRAN FINAL DA PRIMEIRA PARTE

Na estrea diante da afección, o Pescados Rubén competiu contra un rival que non viaxou a Burela para pecharse. O Sala Zaragoza tentou atacar e o conxunto local soubo aproveitar os espazos para crear ocasións, especialmente nun gran treito final do primeiro tempo, tras un inicio igualado.

Así, Jenny tivo dúas oportunidades claras para marcar. Foron o preludio do 1-0, obra de Cris no minuto 15, e do 2-0, que anotou Lara no 18. Luci tivo o terceiro, pero non atinou a falta de 33 segundos para o descanso.

No segundo tempo, o cadro visitante tivo menos perigo e o Burela FSF non foi quen de ampliar unha renda que mantivo ata o final.

SEN RECIBIR GOLES NESTE CURSO

Boas novas para o Burela FSF, que ademais da vitoria mantivo a portería a cero por segundo partido consecutivo. O conxunto burelao aínda non recibiu un tanto na presente Liga, co que polo de agora mellora a que foi a asignatura pendente da pasada campaña.

VINDEIRA XORNADA

Na vindeira xornada, o cadro laranxa desprazarase á pista do Móstoles.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here