InicioDeportesUn mal inicio na pista do líder priva dos puntos ao Pescados...

Un mal inicio na pista do líder priva dos puntos ao Pescados Rubén FS (4-2)

O Levante adiantouse no primeiro minuto do encontro e gañaba por 3-0 ao descanso; a reacción do Burela no segundo acto, con goles de Quintela e Pitero, non serviu para evitar a derrota

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS non puido dar a sorpresa esta tarde na pista do líder, o Levante VDE FS (4-2). O cadro mariñao, que chegaba á cita sen Álex Diz –magoado no último adestramento- e con outros efectivos entre algodóns, tivo que remar contra a eficacia do conxunto levantino, que encamiñou a cita cunha vantaxe de 3-0 ao descanso; a escuadra galega reaccionou sobre a rede no último cuarto, con rápida resposta local, e atopou recompensa de novo con xogo de cinco, sen tempo para máis.

Sen apenas posicionarse sobre a pista, Rubi adiantou os locais, fronte a un Burela que ofreceu demasiadas concesións no primeiros dez minutos. Ás poutadas de Maxi e Roger, nas filas laranxas contestaron cunha volea de Matamoros que atopou a man de Fede. Kaluza mantivo a rede galega a recado no perigoso remate de Rubi rozando a medianía da primeira parte, pero nada puido facer despois ante a chegada de Rivillos. Puido acurtar Burela no bo entendemento entre Renato e Pitero, desartellado pola defensa levantina. Esteban anotou o terceiro a falta de tres minutos para o descanso. O internacional tivo que aplicarse nos últimos compases antes da bucina en dobre tentativa de Gallo.

SEGUNDO ACTO

Rafa Usín e Gallo buscaron ampliar a fenda na continuación fronte a un Pescados Rubén Burela que pelexou con garra e coraxe medrando ante as adversidades, cos primeiros minutos de liga para outra das xoias da canteira, Nito, ofrecendo unha excelente imaxe. Os laranxas non deixaron de crer e loitar. A maxia de Matamoros puxo a proba a Fede, de cabeza, no 33, e por fin, no 34, Quintela estreou o luminoso en segunda xogada dentro da área. Con 5 minutos para o final, o 10 burelista asumiu o rol de porteiro xogador. Con todo, para infortunio dos do Mariskal, o técnico alfocego Juanma Marrube, Lucho viu a segunda amarela e o Levante aproveitou a súa superioridade para perforar a rede de novo, por medio de Rafa Usín. Non baixaron os brazos os galegos, reduciron con xogo de cinco con Pitero no 38 para o definitivo 4-2.

FICHA TÉCNICA

Levante UD FS: Fede, Maxi Rescia, Rafa Usín, Rubi, Pedro Toro, cinco inicial; tamén xogaron Roger, Rivillos, Márquez, Cayetano, Gallo, Esteban.

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, Giasson, cinco inicial; Lucho, Matamoros, Iago Míguez, Quintela, Eto’o, Nito.

Goles: 1-0, minuto 1, Rubi; 2-0, minuto 11, Rivillos; 3-0, minuto 17, Esteban; 3-1, minuto 34, Quintela; 4-1, minuto 37, Rafa Usín; 4-2, minuto 38, Pitero.

Árbitros: Centeno Bono, Alberto // Centeno Bono, Jordi. Por Levante amarela Diego Ríos (minuto 23), Pedro Toro (minuto 26). Por Burela amarela para Lucho (minuto 7), Quintela (minuto 12), Renato (minuto 29).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 8 de Primeira División Masculina disputado no municipal de Paterna.

O SÁBADO, DERBI EN VISTA ALEGRE

Agora toca pensar xa no peche da semana, para gozar do derbi irmandiño da elite, coa visita do Parrulo FS este sábado a Vista Alegre (18.30 horas); os ferroláns chegarán tras a derrota 2-5 na casa ante Real Betis Futsal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...