O Burela FS reparte puntos co Jaén tras un partido con alternativas (3-3)

Álex Diz, Matamoros e Pitero marcaron os goles dos discípulos de Juanma Marrube, que tiveron máis opcións para gañar, pero salvaron tamén un penalti en contra grazas a Edu

Quintela controla un balón no encontro ante o Jaén. PRB

O Pescados Rubén Burela FS colleitou un punto (3-3) en Vista Alegre na visita do Jaén Paraíso, nun encontro con moitas alternativas no marcador.

O equipo que adestra Juanma Marrube adiantouse por medio de Álex Diz, que acudiu presto ao segundo pau para inaugurar o marcador no minuto 7. Os da Mariña Lucense tiveron o 2-0 en ocasións de Pitero e Javi Rodríguez, desbaratadas por Marcao e o poste. Sería con todo o conxunto andaluz quen acertou coa portería, no minuto 17, cando Mauricio rentabilizou unha acción a balón parado, en falta indirecta, para equilibrar o electrónico. O 1-1 pasou factura ao Burela FS, que encaixou o 1-2 pouco despois, logo de que Piqueras finalizase un contragolpe tras unha recuperación en banda.

SEGUNDO ACTO

Á volta do descanso, o Pescados Rubén non tardou en empatar. Foi grazas a Pitero, que segue nun momento doce co gol, un canteirán entre os máximos anotadores da mellor Liga do mundo. Acosaba o equipo local ao visitante nos mellores minutos dos mariñaos e Quintela estivo a piques de marcar o 3-2. Salvou o tanto Marcao, que sería expulsado pouco despois. Si conseguiu premio o Burela FS no 26, cando, con superioridade numérica, Matamoros aproveitou unha asistencia do xogador arzuano.

No treito final do encontro, o Jaén deu un paso adiante a polo empate. Á media hora de xogo Edu despexou co corpo un disparo de Piqueras e volveu intervir no 34 para deter un penalti lanzado por Carlitos, no 34. Dominaba neses compases do encontro o equipo andaluz, que tivo outra boa oportunidade nos pés de Bingyoba; sacou David Pazos o balón cando entraba na portería.

Non puido o porteiro naronés sacar un disparo de Bingyoba a seis minutos do desenlace. De aí ao final, houbo unha por equipo: Iago Míguez sacou o balón baixo paus e Javi Rodríguez perdoou ante o porteiro do cadro andaluz.

No outro encontro da tarde laranxa, as ‘Guerreiras’ venceron ao Zaragoza.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here