O Pescados Rubén FS rompe en Tudela unha xeira de catro xornadas sen gañar e sobe á sexta praza

Un gol de Lucho a tres minutos para o final desequilibrou un partido igualado (1-2)

Matamoros controla o balón ante un xogador do Aspil. ASPIL

O Pescados Rubén Burela FS recuperou esta tarde a senda da vitoria tras catro xornadas cun importante triunfo na súa visita a Tudela, sé do Aspil Jumpers Ribera Navarra (1-2). Con este triunfo, o equipo que prepara Juanma Marrube sobe á sexta praza (16 puntos). Nunha pugna moi igualada, houbo momentos para as dúas escuadras; os locais conseguiron vantaxe da imprecisión nuns bos minutos dos visitantes, aínda que sen materializar as ocasións. Os galegos responderon tras o descanso medrando co empate e máis co segundo gol, para saber sufrir na recta final fronte ao porteiro-xogador.

Comezou o encontro da xornada 13 con intensidade, recursos e ganas de mover o balón por ambas as filas, con boas actuacións baixo paus. Tras dúas boas chegadas dos galegos, con Quintela e Lucho, Kaluza freou as intencións locais, en opcións de Gabriel Vasques e Pedro. Cumpríase o 7 de xogo e creceu o perigo sobre a rede navarra, con Gus como amuleto. Iago Míguez avisou na contra de Renato; o 5 burelista volveu a merodear desde balón parado; tamén o tentou Matamoros por arriba e Pitero chegando demasiado escorado. Superada a medianía do primeiro acto, aproveitaron os de Pato para adiantarse, nun roubo en primeira liña de David que cazou Dani Martín no rexeitamento, con Pitero sobre a liña meta. O gol outorgou máis control ao Ribera, diminuíndo a incidencia das filas mariñás.

Volveu Pescados Rubén ao parqué apertando, aínda que a primeira ocasión foi para Ribera, nunha falta, con Kaluza infranqueable. O meta burelista sacou un pé moi oportuno fronte a Gabriel Vasques pouco máis tarde. Iago e Matamoros no minuto 28 non atoparon a conexión necesaria fronte á portería local. Os pupilos do ‘Mariskal‘ non cesaron no seu empeño e a igualada chegou no minuto 29, cun pase de Renato a Javi, que culminou Matamoros fronte á portería. Pazos aliouse con Kaluza para manter o empate no ecuador da segunda parte e o polaco volveu facer acto de presenza en dous tempos freando a Gabriel Vasques e Pedro en dous tempos.

Continuaron no seu pulso navarros e galegos, cun xogo máis directo dos burelistas, e chegou a recompensa. Lucho conseguiu adiantar aos visitantes a falta de 3 minutos, superando pola banda a Gabriel Vasques. Aspil Jumpers respondeu con porteiro xogador; perdoaron o terceiro os galegos no 38 por partida dobre, pero conseguiron manter a recado os tres puntos con aposta de cinco dos locais ata a bucina final.

FICHA TÉCNICA

Aspil Jumpers Ribera Navarra: Gus, David, Nil, Javivi, Dani Martín, cinco inicial; tamén xogaron Gabriel Vasques, Uge, Sena, Pedro, Terry, Pablo Ibarra.

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Renato, Javi Rodríguez, Iago Míguez, Pitero.

Goles: 1-0, minuto 11, Dani Martín; 1-1, minuto 29, Matamoros; 1-2, minuto 37, Lucho.

Árbitros: N. Rodríguez Villanueva // Sarabia Eguiluz. Por Ribera amarela para Terry (minuto 18), David (minuto 28), Gus (minuto 38). Por Burela amarela a Álex Diz (minuto 22), Matamoros (minuto 28), Renato (minuto 29), Pitero (minuto 36).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 13 de Primeira División Masculina disputado no Ciudad de Tudela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here