Burela acollerá a Supercopa de España de fútbol sala feminino o 9 de xaneiro

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, destaca a importancia non só deportiva senón social e turística do evento, pois reservaranse no municipio "unhas 70 habitacións"

As xogadoras do Burela FSF celebran o título da Supercopa en 2019. AXM

Burela acollerá a Supercopa de España de fútbol sala feminino o vindeiro 9 de xaneiro de 2021. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, asegurou que “é un motivo de orgullo seguir organizando eventos deste tipo pola proxección que supoñen para o municipio e pola repercusión que terá na hostalería e no comercio locais”.

A Federación Galega de Fútbol Sala e o CD Burela FS, vixente campión, contactaron co goberno local burelao para a celebración na Mariña do torneo, “e desde o primeiro momento tivemos interese en que viñera para aquí porque ‘as Guerreiras’ que temos merecen que se fagan todos os esforzos posibles para que poidan xogar diante da súa xente todas as competicións que sexa posible”.

Fernández Rey dixo que “contamos coa colaboración neste caso da Área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo porque o seu deputado responsable, Efrén Castro, mostrouse desde o primeiro momento disposto a axudarnos a levar adiante esta competición aquí, en Burela, o día 9 de xaneiro”.

COLABORACIÓN DA ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN

“Imos facer un esforzo económico importante, pero para Burela supón un orgullo poder contar con este tipo de eventos porque nos dan unha proxección que non poderíamos conseguir de ningunha outra maneira”, expuxo o concelleiro, que agradeceu á Federación Española de Fútbol a súa confianza e á Deputación de Lugo a súa colaboración.

O edil de Burela remarcou a importancia “para hostalería e para o comercio local” da competición, “posto que vai haber unha ocupación de sobre 70 habitacións. E na época en que estamos é unha cifra importante, a ter en conta. Tamén polo movemento que xeran este tipo de competicións e ademais vai ser retransmitida pola canle deportiva de Televisión Española. Todo isto supón unha repercusión a nivel nacional moi importante de cara á imaxe do pobo”, valorou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here