Vitoria solidaria do Burela FSF, que xogará a fase final da Copa Galicia

O cadro local donará a recadación do encontro fronte ao Valdetires (8-1) á protectora de animais

Dany, Alves e Luci abrázanse para celebrar un gol do Burela FSF. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF clasificouse para a fase final da Copa Galicia, torneo do que é o actual subcampión, logo de resolver con claridade (8-1) o seu envite ante o Valdetires Ferrol.

O equipo ferrolán, líder do grupo primeiro da Segunda División e no que milita a ex xogadora do Burela FSF Lidia Mesías, non foi quen de conter ao cadro local.

As burelesas cobraron axiña vantaxe no marcador por medio de Tais Alves, que marcou o 1-0 no minuto 3.

Acto seguido, Dany anotou o segundo e Cris fixo no minuto 8 o 3-0, que puña as cousas costa arriba para as visitantes. Con ese resultado chegou o descanso.

SEGUNDO TEMPO

Á volta dos vestiarios, Peque e Dany marcaron no mesmo minuto, o 22, o cuarto e o quinto tanto, que sentenciaron o encontro. Cris, Jenny e Lara completaron a goleada para as locais, mentres que Sara anotou a única diana das visitantes.

Tras gañar os dous encontros da fase de grupos -tamén derrotou ao Frisober (1-7)-, o equipo que adestran Julio Delgado e Lucas xogará así a fase final da décimo terceira edición do torneo.

OUTROS RESULTADOS

Nos outros grupos, Viaxes Amarelle e Poio Pescamar, vixente campión, empataron (4-4). Decidirá quen se mete nas semifinais o último encontro entre as coruñesas e A Fervenza, que non ten posibilidade de clasificarse. O cadro pontevedrés gañou ao ferrolán por 6-2.

O Ourense Envialia solventou o seu primeiro encontro da fase de grupos, contra o Cidade de Pontevedra (0-9), e de gañar ao Bembrive estará entre os catro mellores.

No grupo 2, Cidade das Burgas, O Fisgón e Leis Pontevedra loitan por outro billete para a fase final.

PARTIDO BENÉFICO

O Pescados Rubén Burela donará a recadación do encontro á protectora de animais local, Bigotes.

Xogadoras do Burela FSF, con integrantes da protectora. AXM

Asistiron ao encontro unhas 500 persoas, que tamén colaboraron coa asociación coa achega de penso ou area para gatos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here