Un Burela FS de máis a menos reparte puntos co Peñíscola

Quintela, Iago Míguez e Álex Diz anotaron os goles do Pescados Rubén (3-3)

Renato saca o contragolpe. AXM

Vista Alegre recibiu o ano con repartición de puntos entre o Pescados Rubén Burela FS e o Peñíscola Globeenergy (3-3) nesta penúltima xornada da primeira volta.

A posesión de balón fixo mellores aos galegos, que conseguiron adiantarse en estratexia, no 7, sorprendendo Quintela a Molina desde saque de banda de David Pazos. Atopou demasiada fortuna o Peñíscola, nos primeiros segundos sobre a pista de Rahali, no minuto 9, culminando un recorte de Paniagua, para poñer as táboas no marcador.

GOL NON CONCEDIDO NUNHA BRILLANTE POSTA EN ESCENA DOS LOCAIS

Con todo, os burelistas non se fixeron esperar e tiraron de novo de estratexia para recuperar a vantaxe, con 20 segundos para o ecuador da primeira parte, nunha triangulación entre Renato, Javi Rodríguez e o toque de Iago Míguez. Con oito minutos para o descanso e acumulación de faltas, Manolín apostou por xogo de cinco con Paniagua para cortar o ritmo dos de Juanma Marrube. Entón, os galegos enfundaron a Álex Diz, que tamén saíu na recta final para contrarrestar a opción castellonenca. O Pescados Rubén atopou o terceiro, aínda que non foi concedido, sobre a bucina, cun tacón brillante de Quintela a pase de Pazos.

OS VISITANTES REACCIONAN NO SEGUNDO ACTO

Edu estivo perfecto para frear a tentativa de Paniagua no regreso, fronte a un Peñíscola que gañou en perigo e profundidade nuns minutos nos que Burela renunciou certamente ao plan de partido. Diz salvou no 26 o que podería converterse no empate, con Wálex plantándose a porta baleira. E de novo a estratexia deu os seus froitos, pero nesta ocasión con recompensa para os visitantes dando a volta ao marcador, en tan só dous minutos, con Bruno Gomes, primeiro de rexeite ante saque de esquina e máis tarde aproveitando un saque de banda. Buscou Pescados Rubén o xogo directo. Tentou sorprender Renato de lonxe e aos poucos recuperou crecemento. Así chegou o empate cun gran cano do paciente Álex Diz fronte a Molina, nun cruzamento con Matamoros. Precisamente foi a maxia do 10 laranxa a que a punto estivo de dar o cuarto aos galegos con control e volea.

Volveron rozar a vantaxe Pitero e Quintela ao segundo pau. Estaban a merecelo os locais e de novo apareceron dúas de ouro tanto o de Arzúa coma da Xoia Laranxa, aínda que perdoaron demasiado. Apostou outra vez Peñíscola con porteiro xogador, con cinco faltas para as dúas filas, fronte a un Burela moi sólido que soubo manter a recado o empate e mesmo dispuxo de moito perigo con Lucho e Quintela.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron David Pazos, Álex Diz, Lucho, Quintela, Javi Rodríguez, Pitero.

Peñíscola Globenergy: Molina, Tuli, Lucho, Bruno, Igor, cinco inicial; tamén xogaron Paniagua, Agustín, Rubén Orzáez, David Señoret, Iván Rumbo, Rahali, Walex.

Goles: 1-0, minuto 7, Quintela; 1-1, minuto 9, Rahali; 2-1, minuto 10, Iago Míguez; 2-2, minuto 27, Bruno Gomes; 2-3, minuto 29, Bruno Gomes; 3-3, minuto 32, Álex Diz.

Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro (Colexio Castelán-Aragonés). Por Burela amarela para Lucho, Javi Rodríguez, Quintela, Matamoros. Por Peñíscola amarela para Igor, Walex, Iván Rumbo, Molina, Rahali.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, con ao redor de 200 espectadores.

O SÁBADO, FINAL DA COPA GALICIA EN NARÓN

O equipo de Juanma Marrube volverá á pista xa o sábado, coa final da XXIX Copa Galicia, fronte ao Noia Portus Apostoli (A Gándara, 17.00 horas, en directo TVG2). O Concello de Narón acolleu esta mañá a presentación da cita que organiza a Real Federación Galega de Fútbol, en colaboración co municipio e os clubs Cidade de Narón e Narón O Freixo.

Os afeccionados interesados en acudir á cita poderán activar prerreserva de entrada enviando un correo electrónico a futsal@cidadedenaron.eu (indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto) e confirmala o venres 8. Os que confirmaran a súa entrada, e sempre que a situación sanitaria permita o acceso de público, terana dispoñible o sábado na taquilla, onde deberán de abonar 10 euros no caso de adultos e 5 no caso de menores de 14 anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here