O Pescados Rubén leva unha malleira do Palma Futsal

En trece minutos os baleares marcaron cinco goles.

O Pescados Rubén Burela FS contra o Palma Futsal / remitida

O Pescados Rubén Burela FS non puido facer fronte ao potencial do Palma Futsal, que puxo terra por medio xa na primeira parte con 5 tantos entre os minutos 8 e 19. A pesar deste lastre, os galegos volveron ao parqué para pelexar por todo, gañando en creación e perigo, aínda que de novo a eficacia balear fixo efecto ata o 8-0, que Matamoros e Renato puideron mitigar na recta final. 

Adiantáronse os insulares no 8 con Marlon en combinación desde a banda con Vilela, fronte a Kaluza e Pitero sobre a liña de meta; antes Giasson desaproveitara unha excelente oportunidade en contragolpe. Tras o remate de Vilela ao pau, Nunes puxo o 2-0 no 11 despois do encontronazo de Higor con Álex Diz na banda que deixou o lugués no chan. O conxunto galego encaixou o terceiro, demasiado castigo, tan só dous minutos despois tras a expulsión de Kaluza nunha saída da área, con estratexia de novo en sentenza de Diego Nunes. Lolo subiu en cuarto no 15, tras a pugna entre a defensa mariñá con Claudino. Tentou avanzar Burela na presión balear en busca do cambio de dinámica con moitos problemas para crear, pero chegou outra lousa. A falta de 1’23” para o descanso, Rosa puxo en 5-0 tras recibir fronte a Edu e aproveitar o rexeite de Javi Rodríguez. Matamoros non puido aproveitar en dobre penalti, con Fabio baixo paus, para reducir a fenda. 

SEGUNDO TEMPO

Dispuxeron de dúas boas poutadas os laranxas para mitigar a vantaxe local. O pau evitou o primeiro dos galegos nun potente disparo cruzado de Renato. Pouco despois, Barrón sacou as mans na recuperación de Quintela e tentativa á escuadra. Seguiu pelexando o Pescados Rubén Burela FS por achegarse no electrónico, pero o acerto insular reapareceu con Vilela no minuto 29, para reafirmarse no 34, con dianas de Rafa López e Raúl Campos; Edu desbaratara os plans dos Vadillo en tres ou catro ocasións xa. Con catro minutos para o final, por fin Matamoros puido estrear o luminoso para os galegos, nun erro balear en pista local que cazou Iago Míguez. Os do Mariskal non deixaron de pelexar; Renato a punto estivo de sorprender a Barrón desde a pista laranxa e foi precisamente o 12 burelista o encargado de subir o 8-2 no 38 de falta nun disparo raso pegado ao pau, cunha gran ocasión de Nito nos últimos segundos e unha nova aparición de Edu no dobre penalti de Vilela. 

Os pupilos de Juanma Marrube estrearán a segunda volta, repetindo semana a domicilio. Será o domingo 24 na pista de Jimbee Cartagena FS (12.00 horas).

Ficha técnica 

Palma Futsal: Carlos Barrón, Rafa López, Marlon, Raúl Campos, Vilela cinco inicial; tamén xogaron Rosa, Joao, Hamza, Lolo, Diego Nunes, Higor, A. Claudino, Fabio 

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Renato, Iago Míguez, Giasson, Javi Rodríguez, Pitero, Edu, Nito 

Goles: 1-0, minuto 8, Marlon; 2-0, minuto 11, Diego Nunes; 3-0, minuto 13, Diego Nunes; 4-0, minuto 15, Lolo; 5-0, minuto 19, Rosa; 6-0, minuto 29, Vilela; 7-0, minuto 34, Rafa López; 8-0, minuto 34, Raúl Campos; 8-1, minuto 36, Matamoros; 8-2, minuto 38, Renato 

Árbitros: Rodrigo Miguel // Sánchez-Molina Tapiador. Por Palma amarela para Barrón, Marlon, Hamza, Fabio. Por Burela vermella para M. Kaluza, amarela para Javi Rodríguez, David Pazos, Renato, Nito 

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División Masculina disputado en Son Moix, a porta pechada.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here