O Osasuna agrea a estrea de Sito Rivera á fronte do Burela FS

Un tanto de Juninho a falta de catro segundos para o descanso decidiu un partido equilibrado

Álex Diz defende a Wanderson. AXM

O Pescados Rubén Burela FS mereceu máis esta tarde na visita de Osasuna Magna (0-1), nunha cita na que houbo unha parte para cada equipo. Os laranxas, que na primeira parte pecaron de non ser un pouco máis agresivos fronte a un rival que se moveu ben sen balón, souberon como recuperarse dando un paso adiante tras o descanso e conseguindo embotellar aos navarros na recta final, aínda que sen botín no marcador.

Viviu Vista Alegre a estrea de Sito Rivera no banco laranxa con alternativas no xogo, con moita igualdade sobre a pista. Fronte á incisiva ofensiva do Magna, con maior presenza e dominio na primeira parte, Pescados Rubén Burela respondeu saíndo ben á contra. A iniciativa local non puido chegar no 8, na máis perigosa ata o momento, cunha tentativa de David Pazos con Quintela que salvou Wanderson in extremis. Pouco despois Álex Diz tamén estivo a piques de sorprender a Asier. Nun partido de moita mobilidade, tras o gran perigo de Mancuso e Tony sobre o minuto 14, os laranxas dispuxeron de dúas de ouro para poñerse por diante, con Asier como muro, primeiro ante Pazos, de disparo cruzado, e acto seguido ante o mísil de Renato. Perdoaron os mariñaos e a tan só 4 segundos chegou o mazazo co 0-1 de Juninho pola escuadra.

Quixo reeditar o seu gran inicio Magna tras o descanso, pero os laranxas souberon dar un paso adiante. O pé de Asier evitou o empate o potente disparo de lonxe de Renato. Tan só un minuto despois, no 23, o meta verde volveu ser providencial para salvar aos visitantes, fronte a David Pazos. Pelexaron os de Sito Rivera polo gol, cunha recta final de moitos méritos. Mata, en consonancia con Iago, e Álex Diz puxeron o perigo no 36. Asier volveu impoñerse pouco despois fronte ao 5 burelao. A falta de dous minutos para a bucina final, Mata saltou ao parqué para liderar o xogo de cinco. Renato dispuxo do maior perigo, aínda que o merecido empate non puido subir ao luminoso.

O MARTES 16, SANTA COLOMA

O Pescados Rubén Burela xa volverá aos adestramentos o domingo para poñer rumbo ese mesmo día ao destino da xornada 24, a pista de Industrias Santa Coloma. A cita do martes, ás 21.00 horas, abrirá unha semana de dobre esixencia, coa visita a Vista Alegre de Levante o sábado (18.30 horas).

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson; cinco inicial; tamén xogaron David Pazos, Quintela, Álex Diz, Javi Rodríguez, Pitero.

CA Osasuna Magna: Asier, Tony, D. Zurdo, R. Martil, Linhares, cinco inicial; tamén xogaron Mancuso, César, Wanderson, Bynho, Juninho, Fabinho.

Goles: 0-1, minuto 20, Juninho.

Árbitros: Gallo Suárez // Hevia Campa. Por Burela amarela para Pitero (minuto 16), Renato (minuto 22). Por Magna amarela para Wanderson (minuto 22), Juninho (minuto 36).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de Primeira División Masculina disputado no pavillón Vista Alegre de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here