InicioDeportesA Balea Verde: "Queremos facer actividades respectuosas co medio mariño"

A Balea Verde: “Queremos facer actividades respectuosas co medio mariño”

“A Balea Verde” é unha inciativa creada por un matrimonio que chegou a Morás (Xove) desde Valencia. Aproveitando a formación del en actividades deportivas e o desexo de teren unha casa rural, levaron adiante a súa iniciativa en plena pandemia COVID. Simón Huerta e Julia Aparicio abriron unha iniciativa que quere ser respectuosa co medio, mesmo convidando á limpeza dos areais a quen sube nos kayaks. Falamos con Simón Huerta, quen describe cal é o sentido do proxecto.

Publicada o

- Advertisement -

-Que é “A Balea Verde”?

É unha iniciativa que quere mostrar toda a costa de Xove, desde Punta Roncadoira até a fábrica de Alcoa. Realmente tiñamos a sensación que esta área era a gran descoñecida da Mariña. Nós viñemos vivir aquí desde Valencia hai catro anos, mercamos unha casa en Morás e agora funciona como aloxamento turístico. Co tempo descubrimos que moitas persoas que coñeciamos, xente de Viveiro ou San Cibrao, cando lles diciamos onde viviamos, preguntaban que había aquí á parte de Alcoa. Nós mostrámoslles rutas perto dos cantís que son impresionantes, o peirao de Morás que permite facer actividades por non ter ondada e non ter correntes. É como un mundo á parte dentro do conxunto de praias da Mariña. Tamén pensando na xente que visitaba a nosa casa, pensamos en ofrecer algo orientado á miña especialidade, ciencias do deporte, para dar a coñecer esta zona mediante deporte activo ademais de favorecer o respecto ao medio ambiente.

-Cal foi o motivo de virdes desde Valencia até Galicia arriscando tanto?

Nós viñamos de vacacións sempre ao norte. O turismo masificado do Mediterráneo xa nos cansara abondo, pois unha cousa é ir a Valencia e outra vivir alí e ver que che vén todo o mundo. A xente de Valencia cando chegao verán foxe de alí. A nós sempre nos gustara o norte de Galicia porque podías estar na praia con moi pouca xente e á parte, a diversidade de areais é moi ampla ademais do turismo slow que ofrece Galicia. Ao final tivemos que decidir en mercar un piso na nosa cidade ou arriscar por unha idea sobre o turismo e ao final apostamos por investir nunha casa aquí e dar a coñecer esta zona.

Nós mostrámoslles rutas perto dos cantís que son impresionantes, o peirao de Morás que permite facer actividades por non ter ondada e non ter correntes.

-Os comezos, como sempre, non son doados. Cal foi o voso caso?

A idea de ofrecer rutas con kayaks veu de saber que onde temos o local houbo un clube de piragüismo que funcionara durante moitísimos anos e tiña moitos participantes. O clube deixou de funcionar cando ninguén colleu o relevo para levar adiante as actividades. Por iso se aquí houbo tanta xente practicando piragüismo, pensamos que a nosa idea podía funcionar. Cando falamos co Concello pois buscamos a maneira de ter un aluguer cómodo e contar con material tamén foi doado. Algo máis difícil foi que a xente máis achegada a nós nos coñeza. Por redes sociais hai moitas posibilidades de que te coñezan, mais os veciños do arredor tiñan xa as súas rutinas indo ás praias que xa coñecían. O primeiro verán foi o do ano pasado, un verán estraño, mais ao comezo foron os veciños da aldea os primeiros en achegarse, despois o boca a boca foi abondo para ir indo a medio gas. Este ano comezamos igual, mais foi chegando xente que non puidera vir o ano pasado pola pandemia e ao ver a iniciativa comezaron a crear comentarios positivos. Isto fixo que aumentase o aluguer e reserva de kayaks.

-De cara ao inverno cales son as alternativas que propoñedes aos kayaks?

Rutas de sendeirismo para este inverno que vén. Algunhas serán temáticas, iremos con xente experta en micoloxía e ornitoloxía. Este ano aprobouse o Camiño do Mar, que pasa xusto por diante da Vía Verde. Aprobeitaremos este Camiño para organizar etapas tentando falar co Concello e Clube Sendeirista de Xove para enfocar as actividades ao sendeirismo.

-A vosa actividade de kayak queredes que sexa respectuosa coa natureza. Que lles queredes aprender ás persoas para mellorar a súa relación co mar?

Nós temos feito moitas cousas en relación co mar e a praia e aproveitando isto recolliamos lixo que había na area ou na auga. Este costume introducímolo nas rutas de kayak, paramos a metade de camiño nalgunha zona que poidamos visitar. Aí é cando lle dicimos á xente que aproveitemos os espazos libres dentro da embarcación para enchelos recollendo refugallos e lixo da area. Ademais, a xente pensa que a praia está sempre limpa, ou iso ou que o lixo é moi evidente. Entón nós aprendémoslles a observar para poderen ver anacos de redes, pauciños de plástico, tapóns e moitas cousas. Usamos a actividade con nenos e adultos para facerlles ver que normalmente non ven. Explicamos como podemos minimizar o efecto do lixo. Facemos ver que non vas solucionar ti só o problema da contaminación, mais podes aportar algo. O mesmo acontece cando facendo o sendeirismo, eu recollo algo tirado e logo a xente que vén detrás vai recollendo tamén restos.

O primeiro verán foi o do ano pasado, un verán estraño, mais ao comezo foron os veciños da aldea os primeiros en achegarse

-Explicades como comportarse diante de animais mariños?

Facemos boa parte dos traballos dentro do que é o porto, aí facemos inmersión con snorkel e aí explicamos que cando vexan animais como centolos, nécoras e outras especies, que non as toquen, que as deixen ir. Ver desde unha distancia, gozar coa visión dun animal salvaxe. Cando poidamos facer rutas en mar aberto, avisar que se debe permanecer no sitio, non tocar e non facer movementos. Hai que ser consciente que o bo é velos e non tocalos.

-Tedes feito entón rutas en mar aberto por exemplo, cara aos Farallóns?

Eu persoalmente si, mais non coa empresa porque nos falta un bote auxiliar para facer a ruta con seguridade. O mar é moi cambiante e así como estás tranquilo de súpeto pode vir un cambio no vento. Cando dispoñamos dese bote auxiliar poderemos facer rutas aos Farallóns ou á illa de Ansarón.

Nós aprendémoslles a observar para poderen ver anacos de redes, pauciños de plástico, tapóns e moitas cousas.

-Cal é o tipo medio de cliente que vai ás vosas instalacións?

Grupos de amigos de entre 15 e 25 anos que alugan as embarcacións para dar unha volta. Despois pais con nenos. Como poden montar nenos desde 7 ou 8 anos só co pai, nós dámos chaleques salvavidas aos nenos. No kayak dobre poden montar os dous pais e un neno. Todo isto permite xogar por exemplo, un neno de seis anos pode ir cos pais no kayak dobre e un neno de 10 anos pode ir só. Ultimamente tamén veñen persoas que queren pescar.

-De cara ao futuro pensades que se pode sacar máis partido a esta área?

Como facemos snorkel, descubrimos que por aquí hai lugares moi atractivos e así queremos proporlle a algúns clubes de buceo facer bautismos de buceo nesta área. E tamén propoñer que presenten saídas na nosa zona para persoas coa titulación de buceo. O que non queremos é explotar accións pouco sostibles como motos de auga e lanchas rápidas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...