InicioEconomíaO "100%" dos obreiros de San Cibrao segue a folga e centos...

O “100%” dos obreiros de San Cibrao segue a folga e centos súmanse á marcha cara Vegadeo

Os obreiros piden ao Goberno que "interveña" e ameazan con "recrudecer as protestas" se a empresa "non amplía 15 días o período de negociacións"

Publicada o

- Advertisement -

Unhas 3.000 persoas manifestáronse este mércores en Vegadeo contra o peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña.

Os traballadores da fábrica coruñesa marcharon desde o parador de Ribadeo, acompañados de obreiros da factoría de San Cibrao. Tres autobuses saíron da Grela cara A Mariña, mentres que desde a planta de Cervo desprazáronse outros dous autocares.

Os obreiros marcharon cara ponte do Príncipe Alfonso de Vegadeo. Alí reuníronse cos empregados de Avilés, que camiñaron desde Castropol.

UNIDADE

O acto escenificou a unidade do persoal das tres plantas españolas contra o ERE extintivo presentado pola multinacional do aluminio para as fábricas coruñesa e avilesina.

os traballadores de avilés, a coruña e san cibrao escenificaron a unidade contra os peches na ponte do príncipe alfonso

Entre abrazos e berros de “Alcoa non se pecha” ou “Alcoa sálvase loitando”, os traballadores formaron unha marea alaranxada -a cor da roupa que distinguía aos obreiros da Coruña- e amarela -como os chalecos dos traballadores de Avilés e San Cibrao- que entrou entre aplausos en Vegadeo para ler un comunicado na praza do consistorio.

APOIO DE FAMILIAS, XUBILADOS E POLÍTICOS

Aos traballadores de Alcoa sumáronse decenas de familiares, colectivos de xubilados da comarca e tamén representantes dos partidos políticos.

Á cita acudiron, entre outros cargos, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia; o rexedor de Vegadeo, César Álvarez e a alcaldesa de Tapia de Casariego, Ana Vigón, ambos socialistas; ademais do deputado parlamentario do BNG José Luis Rivas, “Mini”.

ESTIRAR O PRAZO

Os traballadores esixiron ao Goberno central que “interveña xa” no conflito laboral para asegurar os postos de traballo.

Respecto da empresa, afirmaron que na reunión deste xoves coa multinacional pedirán “que o período de consultas se amplíe quince días”.

o prazo de negociacións remata o 27 de decembro e ese día “alcoa podería despedir xente”, lembran os obreiros

Se a firma non atende a petición, suporá “o recrudecemento das protestas, porque se non Alcoa podería empezar o día 27 de decembro a despedir traballadores”, explicou o presidente do comité de empresa avilesino, Daniel Cuartas.

Malia que a fábrica de San Cibrao non está implicada no ERE extintivo presentado por Alcoa, os traballadores da planta cervense apoiaron a reivindicación dos seus compañeiros.

O presidente do comité de empresa da planta sancibrense, Xosé Paleo, explicou que “queremos pedirlle ao Goberno que concrete o real decreto aprobado, que por agora non é máis ca unha declaración de intencións”.

Acto diante do consistorio vegadense. AXM

O sindicalista espuxo que “por outro lado solicitamos a Alcoa que levante o pé, en vista de que o Executivo dixo que desenvolvería en seis meses un estatuto do consumidor de enerxía para industria electrointensiva. Se non, as tres fábricas, tamén a de San Cibrao, teñen os días contados, máis despois do resultado da poxa de interrumpibilidade”, indicou Paleo.

O alcalde de Vegadeo subliñou “a unión” mostrada polos traballadores, que ao seu xuízo “ten que caer con peso en Madrid para que se tomen decisións, porque Asturias e Galicia xóganse moito con Alcoa”.

Pola súa banda, o rexedor ribadense sumouse á presión sobre o Goberno central e demandou “unha tarifa eléctrica que responda ás necesidades dos grandes produtores”.

FOLGA

Ao igual que os seus compañeiros das fábricas coruñesa e asturiana, os traballadores de San Cibrao fixeron tamén folga na fábrica cervense. Segundo espuxo Paleo, “o seguimento da folga é do 100%. Ninguén intentou entrar sen a carta de servizos mínimos. Agás o comité de folga, a xente está aquí”, indicou.

aluminio produce placa sin alear, alúmina baixou o caudal e non entra nin sae material da fábrica cervense

O sindicalista afirmou que na planta de aluminio “só se producirá placa sin alear, que hai que refundir e non vale para vender”, e que na de alúmina “estase a baixar o caudal de 1.250 metros cúbicos/hora a 890”.

Tampouco entrará nin sairá material. “O que se pretende nestes casos non é que non vaia ninguén traballar, porque en fábricas coma a nosa non pode cesar a produción, senón que teña un impacto económico”, expón Paleo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...