Os sindicatos marcan o 8-X como “data chave” para o futuro das plantas de Alcoa

Traballadores de Avilés convocan unha marcha a Madrid previa a reunións coa empresa e co Ministerio de Fomento

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña. GC/MR. DYLAN

As seccións sindicais de UXT, CC. OO. e USO marcaron o 8 de xaneiro como “día chave” para o futuro das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña.

Así o anunciaron os representantes dos traballadores da fábrica avilesina nunha rolda de prensa na que precisaron que ese día, martes, haberá unha marcha a Madrid que finalizará cunha concentración ante o Ministerio de Industria.

A marcha contará con autobuses gratuítos para todo aquel que desexe participar. A concentración diante da sede do Ministerio de Industria será de 11.30 a 13.30 horas.

Ás 15.00 horas, os comités de empresa das fábricas coruñesa e avilesina da multinacional do aluminio terán unha xuntanza coa empresa relativa ás consultas do ERE extintivo.

Ás 17.30, celebrarase unha “reunión chave” na que tamén estarán representantes do Ministerio de Industria.

O 15, DATA LÍMITE

Tralo último acordo entre empresa e traballadores, o prazo do período de consultas esgotarase o 15 de xaneiro.

As posturas semellan distantes, cos sindicatos instando ao Goberno central a intervir as fábricas e á compañía estadounidense a vender as plantas mentres que Alcoa asegura que non existen compradores.

A XUNTA REUNIRASE COS OBREIROS

Por outra banda, a Xunta de Galicia aceptou reunirse cos traballadores da Coruña, que solicitaron ao Goberno galego “que se involucre” para anular o ERE presentado por Alcoa. 

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here