Alcoa propón parar electrolise por se xurden ofertas, pero négase a agardar seis meses

O Goberno tenta gañar tempo mentres medra a presión para que "interveña" as plantas ameazadas polo ERE de extinción

Traballadores de Alcoa A Coruña na manifestación en Madrid. AXM

Alcoa asegurou que está disposta a manter en condicións as series de electrolise das fábricas de Avilés e A Coruña para rearrincalas no caso de atopar un comprador para as plantas, pero non a agardar seis meses, tal e como pide o Goberno central á multinacional do aluminio.

Así o manifestaron fontes da empresa, que lembraron que para iso é preciso “a cooperación dos traballadores, pois se as series se apagan de xeito abrupto, non habería xeito de utilizalas ao solidificarse as cubas”.

O mantemento das instalacións é un recurso que se utilizou na planta do fabricante de aeroxeneradores Vestas en León, aínda que os traballadores non o ven como unha solución posto que o proceso do aluminio ten unha maior complexidade.

A multinacional aprazou de novo a reunión prevista para este mércores cos comités de empresa da Coruña e Avilés e plantou tamén ao Ministerio de Industria. A titular, Reyes Maroto, acusou á empresa de “non querer avanzar nin buscar solucións”. 

O vindeiro martes, 15 de xaneiro, remata o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo que Alcoa presentou para os cadros de persoal das fábricas avilesina e coruñesa, nas que traballan 686 traballadores e das que dependen 2.000 empregos indirectos.

PODEMOS ESIXE AO EXECUTIVO

A presión medra sobre o Goberno central, que tenta gañar tempo. Unidos Podemos sumouse á petición dos traballadores, que instaron ao Executivo a “intervir” as plantas en risco.

A coalición de esquerda asegurou que non apoiará novos decretos lei sobre políticas industriais se non conteñen medidas para garantir a continuidade de centros produtivos ameazados polo peche.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here