Os obreiros de Alcoa da Coruña e Avilés votarán o luns co preacordo por explicar en San Cibrao

Os traballadores da fábrica de Cervo só saben "pola prensa" o contido dunha proposta que afectaría á planta con 106 prexubilacións, e que deberán refrendar ou rexeitar

Manifestación pola seguridade en Alcoa San Cibrao, no 2017. CIG

Os traballadores de Alcoa e Avilés votarán este luns o preacordo pechado entre a multinacional e os sindicatos sen que a empresa informase polo de agora do seu contido ao comité de empresa da planta de San Cibrao.

O comité de empresa da fábrica de Cervo non agarda novidades na fin de semana no tocante a encontros coa dirección. Así, o máis probable é que os obreiros da Grela e San Balandrán decidan sobre o pacto sen que a multinacional do aluminio ofreza respostas ás dúbidas dos traballadores da planta cervense, aos que afectaría a proposta.

VOTACIÓNS

Os obreiros das plantas de San Cibrao e A Coruña fixeron coincidir as súas votacións, en referendo, do preacordo. Celebraranse o luns en varios horarios, unha hora antes do inicio e ao final de cada unha das quendas laborais.

Por agora, na Coruña só a CIG se mostrou en desacordo co pactado entre a empresa e os sindicatos, e anunciou que votará en contra.

PLAN DE BAIXAS INCENTIVADAS

Os traballadores de San Cibrao reiteraron que saben “só pola prensa” do preacordo, que inclúe reubicacións vinculadas a un plan de baixas incentivadas en San Cibrao, condicionado a que os representantes dos traballadores de dita planta acepten o plan.

Segundo a previsión de Alcoa e os sindicatos, poderán adherirse os traballadores de 57 anos ou máis ao 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcance as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.

Estas baixas incentivadas xerarían vacantes para empregados de Avilés e A Coruña nos mesmos grupos funcionais, que se distribuirían de forma equitativa entre as dúas plantas. Segundo o preacordo, poderían reubicarse ata 106 empregados.

Os traballadores de San Cibrao consideran o preacordo unha apropiación fraudulenta do convenio laboral, segundo explicou o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo. O pacto pecha a porta “a 106 ETTs e eventuais” cando, lembra o sindicalista, “na negociación xa pagamos o noso prezo por asegurar os contratos de relevo dos obreiros que se xubilan”.

XUNTA E SINDICATOS PRESIONAN AO GOBERNO

Tralo preacordo entre Alcoa e os sindicatos, as miradas están postas no Goberno, que se comprometeu a manter o emprego trala negativa da multinacional de continuar a súa actividade nas plantas.

O presidente do comité de empresa da fábrica coruñesa, Juan Carlos López Corbacho, reuniuse co conselleiro de Economía, Francisco Conde. Ambos coindiciron en urxir ao Executivo central a “fixar un marco enerxético estable” para posibles compradores.

López Corbacho non quixo referirse á parte do preacordo que toca en San Cibrao. “É unha proposta sobre a que lles corresponde decidir aos traballadores desa planta”, asegurou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here