“Meu avó fixo esta fábrica, meu pai traballou nela e agora fágoo eu”; as persoas detrás do ERE de Alcoa

Os traballadores da multinacional na Coruña revelaron as súas historias para facer ver "que non somos un número"

Unha das traballadoras expón a súa experiencia, cos seus compañeiros detrás. ÓSCAR VARELA

EFE. Para Alcoa son números, os de cada empregado, pero este domingo descubriron as súas facianas para facer ver que detrás deles hai máis ca dixitos, que son persoas, teñen familia, temen polos seus postos de traballo e reivindican o futuro da fábrica que a multinacional do aluminio ten na Coruña.

Uns 50 traballadores participaron nunha acción titulada ‘Os rostros de Alcoa‘, como unha forma de expresar as súas reivindicacións e de humanizar a situación que están a atravesar.

Un a un foron saíndo os empregados ao escenario da Tribuna Pública da Praza da Fábrica de Tabacos, para poñer nome ao drama que viven desde fai meses.

Desde Alejandro, número 12.333, ata Fani, 12.670, algúns xa xubilados, outros con 40 anos na fábrica, outros con só un, e todas as súas familias detrás, unidos contra o peche.

O realizador Juan Lesta gravou as intervencións, para que convertelas nun documento audiovisual que dea azos na loita e reivindicación dos obreiros.

CATRO DÉCADAS NA FÁBRICA

Falaron diante do micrófono, a maioría deron o número co que os identifica Alcoa, como Nieves, o 4.936, a primeira das mulleres que participaron no evento e a que máis tempo leva en activo de todos os que revelaron a súa identidade. Ela traballa desde fai 41 anos na empresa e está no departamento de compras.

Algún esqueceu dicir o seu número ou o seu nome e tamén houbo a quen, cos nervios, pasóuselle recibir cun abrazo ao seguinte na quenda de palabra, pero todos teñen a esperanza, como dixo Francisco, un dos xa xubilados, de que a fábrica “siga botando fume”.

Ese é o desexo de Miguel Conde, que leva 19 anos na empresa e é a terceira xeración dunha familia ligada á factoría coruñesa: “Alcoa sempre nos trata como un número e somos persoas, coas nosas familias, os nosos sentimentos”, confesa a Efe.

“Eu téñolle bastante agarimo á empresa, non a Alcoa, que me está a despedir, pero meu avó fixo esta fábrica, meu pai traballou 40 anos nela e agora eu levo 19. Levo a fábrica dentro, é nosa e o que non queremos é que unha multinacional americana viñese sacarlle o seu froito e agora a queira pechar; a empresa segue a ser rentable”, defende.

Conde tamén sostén que se en España “o prezo da enerxía é igual ca no resto dos países europeos da UE, a fábrica é máis rentable có resto”.

“AS FAMILIAS SOFREN”

“A esixencia é arrincar a planta outra vez integralmente, coa electrolise, a fundición e todo o que queiran meter debaixo da fundición”, asegura a Efe o número 7.326, Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa.

“É un acto humano. Hai moitas empresas que están padecendo un ERE e detrás de cada un deles hai moitas vidas rotas, porque as empresas cada día aplican máis este tipo de situacións”, explica, a piques de cumprir 30 anos no departamento de fundición.

O sindicalista sinala que os traballadores “están a pasalo moi mal e as familias sofren“.

Tres traballadores, durante o acto. ÓSCAR VARELA

O ESTATUTO E AS ELECCIÓNS

“Cada día complícasenos máis a vida porque o adianto de eleccións non nos facilita o buscar unha solución, pero imos estar áxiles e preparados para dar ese paso máis que temos que dar e esixir unha solución”, sostén.

Na súa opinión, “hai que cambiar a lexislación e dar tiempo aos traballadores para poder negociar unha saída decente e traballar con dignidade”. A prioridade, indica, é que se aprobe “de urxencia” o estatuto para a industria electrointensiva con todas as medidas necesarias para incentivar a compra das fábricas da Coruña e Avilés.

COMPRADORES

“Hai 20 millóns de euros para sacar as plantas adiante”, explica, pero “o escenario regulatorio eléctrico no país non é tan interesante e o primeiro é regular iso”.

“Hai interese polas plantas, pero propostas concretas e razoadas non creo que haxa moitas. Temos que avaliar a situación, ver cal é o mellor plan industrial para a planta, levalo con mimo, buscar os investidores sen alardear deles. As fábricas non se van vender na prensa, vanse vender nunha mesa”, argumenta.

REFERENDO EN SAN CIBRAO

Este domingo comezou na planta de Alcoa en San Cibrao a votación do referendo para rexeitar ou validar o preacordo entre o comité de empresa da fábrica de Cervo e a dirección da multinacional, que inclúe aceptar reubicacións de operarios da Coruña e Avilés na factoría da Mariña Lucense a cambio de garantir contratos fixos ou de relevo para 41 temporeiros.

As quendas B e D de alúmina e aluminio están a votar arestora, e rematarán ás 00.00 horas. O martes 26, de 12.00 a 16.00 horas, farano os empregados das quendas C e E de alúmina e aluminio e dos operarios a xornada normal.

Finalmente, o xoves 28, de 9.00 a 11.00 horas, será a votación dos empregados das quendas A de alúmina e aluminio e dos traballadores de xornada normal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here