O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, anunciou que espera asinar “no mes de marzo” o contrato para as obras coas que o Goberno central pretende solventar os problemas de circulación pola néboa na autovía A-8, no alto do Fiouco.
Ábalos fixo esta afirmación en Lugo, na presentación do anteproxecto da Estación Intermodal da capital da provincia.
O dirixente do Executivo explicou que agarda que neste mesmo mes se formalice o contrato para “dar solucións innovadoras” a unha problemática que provocou varios accidentes –un deles causou unha vítima mortal no 2014– e que obriga a pechar constantemente a única autovía que poden utilizar os cidadáns da Mariña Lucense -e que os comunica con Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo– ou os habitantes de boa parte de Galicia para achegarse á Costa de Lugo.
Trala firma do contrato, asegurou Ábalos, “comezará a experimentación de prototipos a escala real”.
“DE 700 A 100 AS HORAS DE PECHE”
Actualmente cóntase con balizas que se activan ao paso dos vehículos nun tramo de 500 metros e, segundo expuxo o Goberno, este ano estenderase a todo o tramo de cinco quilómetros afectados polas néboas densas.
Con esta medida, calcula o Goberno, as horas anuais de desvíos por néboa poderán reducirse “das 700 actuais a unhas 100 horas”, aproximadamente.
APEADOIRO NAS CATEDRAIS
O ministro tamén comprometeu a creación dun apeadoiro de Feve nas Catedrais, unha vella demanda da sociedade ribadense dada a afluencia ao monumento natural.