InicioEconomíaA frota da Mariña inicia unha campaña da xarda marcada pola obriga...

A frota da Mariña inicia unha campaña da xarda marcada pola obriga de desembarque

As embarcacións de artes menores da provincia de Lugo repartiranse uns 430.000 quilos dunha pesquería que é vital tamén para cerco e arrastre de litoral

Publicada o

- Advertisement -

Coa apertura da pesquería para artes menores, a campaña da xarda comezou este luns para a frota da Mariña Lucense. O sector pesqueiro mantense expectante ante a evolución dunha especie que marcará en boa medida o éxito ou fracaso da obriga de desembarque e das medidas aprobadas pola Unión Europea para aplicar a política de descartes cero sen que os barcos teñan que parar.

“A cabala será a gran pedra de toque para saber se as medidas de flexibilidade son suficientes ou son necesarios cambios”, explica Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo.

Dado que -desde o pasado 1 de xaneiro- os buques non poderán devolver ao mar o peixe non desexado, a frota comezará a faenar á xarda con incerteza, pendente da aprobación por parte do Estado da normativa acordada en Bruxelas para garantir a posibilidade de intercambiar especies con pouca cota.

Se o Goberno non se urxe a tramitar as medidas de flexibilidade pactadas para posibilitar intercambios, algunhas embarcacións poderían verse axiña obrigadas a amarrar.

ESPECIE DE ESTRANGULAMENTO

A cabala é unha pesquería complementaria fundamental para as frotas de arrastre de litoral, cerco e artes menores. Trátase dun recurso economicamente rentable, que non ten un prezo elevado pero que se pesca con facilidade.

Tamén é unha das principais especies de estrangulamento; aquelas para as que un barco non ten cota -ou esgotou a cota-, pero non é doado evitar que caian nas redes xunto con outra pesquería prioritaria.

Nos últimos tres anos, a Comisión de Pesquerías o Atlántico Oriental (NEAFCrestrixiu en arredor do 50% as posibilidades de captura, cunha rebaixa do 20% neste 2019 con respecto a 2018.

A escaseza de cota únese á abundancia do recurso e á propia maneira de capturalo. A xarda entra en cantidades difíciles de controlar para as embarcacións, especialmente para as de arrastre, que non teñen -como si ocorre co cerco- a posibilidade de abrir redes e liberar o peixe vivo.

“Os baros perseguen cardúmenes, pero non sempre se pode identificar con exactitude a especie. De xeito que o arrastre captura grandes cantidades sen que haxa a posibilidade de devolvelas ao mar”, expón López. Así, nuns poucos días de campaña, estas embarcacións poden esgotar as súas posibilidades de captura.

AMPLIAR A COSTEIRA

A petición unánime do sector é ampliar o período de campaña, que concluirá o 31 de decembro. “De facelo, estaríase a garantir a viabilidade económica de moitas empresas“, sinala López, “mesmo descansando un mes para favorecer a recuperación do recurso”.

López expón que a OPP Lugo baralla convidar á campaña a investigadores oceanográficos para que comproben a abundancia do recurso e tamén as dificultades da frota de arrastre para evitar pescar cantidades de cabala meirandes das desexadas.

REPARTO POR EMBARCACIÓN

As embarcacións de artes menores da provincia de Lugo terán neste 2019 a posibilidade de capturar arredor de 430.000 quilos de xarda, que se repartirán individualmente en función dos postos de traballo cos que conta cada empresa.

Isto permitirá aos buques decidir se prefiren faenar nos primeiros meses da campaña, nos que soe haber abundancia de peixe e nos que a xarda se destina, fundamentalmente, á industria, ou se paran e agardan a que avance a costeira, para beneficiarse de prezos máis altos polos exemplares frescos.

“Temos menos cupo que o ano pasado, o que non é comprensible, pero agardamos compensar isto cun incremento de prezo“, expón Basilio Otero, patrón maior de Burela.

O 10%, PARA PESCA ACCIDENTAL

Unha parte do total de capturas permitido, o 10%, queda reservada para a pesca accidental ou non dirixida, é dicir, aquela que se realiza involuntariamente.

Segundo o acordo entre o Goberno e o sector, as embarcacións que se adhiran ao plan de explotación terán a obriga de esgotar o 80% da cota asignada.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...