Alcoa ve “en risco” a planta de aluminio de Cervo co estatuto das electrointensivas, amosado este luns

A multinacional alegará o documento do Goberno, que permitirá aos grandes consumidores de enerxía "aforrar 23 millóns de euros anuais"

Fábrica de Alcoa en San Cibrao. AXM

O Goberno central presentou na tarde deste luns o borrador do Real decreto polo que se regula o estatuto dos consumidores electrointensivos, un documento que Alcoa considera “insuficiente” e que “pon en risco“, asegura a multinacional, “a planta de aluminio de Cervo“.

Segundo os cálculos do Executivo, a iniciativa suporá “un aforro total para a gran industria de 23 millóns de euros anuais“, cunha redución do prezo da enerxía de 0,81 euros por megavatio/hora.

O documento fixa mecanismos aos que poderán acceder as empresas pola súa condición de grandes consumidoras de enerxía, co obxectivo de mitigar os efectos dos custos enerxéticos sobre a competitivdade.

O BORRADOR FIXA MECANISMOS PARA MITIGAR OS EFECTOS DO CUSTO DA ELECTRICIDADE SOBRE A COMPETITIVIDADE DAS GRANDES EMPRESAS

Entre eles están as exencións dos pagos por interrumpibilidade aos consumidores que prestan o servizo de xestión da demanda, e dos pagos por capacidade a todos os clientes electrointensivos.

CO2

Tamén se establece a compensación de custos por emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro para empresas de determinados sectores e subsectores industriais aos que se considera expostos a un risco significativo de fuga de carbono. Estas subvencións, matiza o documento, “están suxeitas á dispoñibilidade orzamentaria, previa autorización da Comisión Europea”.

Nos orzamentos de 2018, indica o borrador, había unha partida presupostaria específica de seis millóns. Para o 2019 atópase prorrogada, aínda que o Goberno asinará un convenio entre a Secretaría de Estado de Enerxía e a de Industria para realizar unha transferencia orzamentaria de 70 millóns e dotar así a estas subvencións dunha contía maior para o presente exercicio.

A cantidade, non obstante, podería ampliarse ata os 100 millóns cunha nova achega de 24 millóns de euros doutras partidas orzamentarias, tal e como se recolle no borrador do estatuto.

CONTRATOS BILATERAIS

O borrador do Real decreto fomenta as contratacións bilaterais a longo prazo dos consumidores, “especialmente con xeradores renovables”, establecendo particularidades específicas para este tipo de acordos.

OBRIGAS RESPECTO DO EMPREGO

Por outra banda, o Estatuto estipula unha serie de obrigas para os beneficiarios. Un dos requisitos máis destacados é o mantemento do emprego, pois inclúense supostos para evitar que se nutran das axudas empresas coa intención de deslocalizar a produción.

Así, obrígase aos grandes consumidores de enerxía a “manter a actividade produtiva durante un período de tres anos a partir da data de concesión dos beneficios, salvo nos supotos de situacións de crise empresarial“.

A NORMATIVA TENTA IMPEDIR POSIBLES DESLOCALIZACIÓNS AO DESAUTORIZAR DESPEDIMENTOS COLECTIVOS DE MÁIS DO 85% DO PERSOAL

A normativa elaborada polo Executivo municipal considera que “a obriga incúmprese se proceden de maneira efectiva a reducir en máis dun 85% a súa capacidade de produción, ou se se produce un despedimento colectivo que implique unha redución de máis dun 85% do seu cadro de persoal“.

NOVE DÍAS DE ALEGACIÓNS

O borrador do Real decreto poderá alegarse ata o 27 de marzo. O Goberno central asegurou que aprobará a normativa no Consello de Ministros do 26 de abril, dous días antes das eleccións xerais. Podes consultar o documento neste enlace. Proyecto-RD-Estatuto-de-consumidores-electrointensivos (1)

ALCOA ALEGARÁ O DOCUMENTO

Fontes de Alcoa sinalan que o documento “non soluciona as peticións da industria do aluminio primario” e que “non garante uns custos da enerxía competitivos nin tampouco unha certeza nin sobre a viabilidade da planta de San Cibrao nin sobre a aparición de compradores para Alcoa e Avilés“.

A multinacional confirma que alegará o borrador do Real decreto e exemplifica a “indefinición” do documento no apartado que considera “o máis relevante”, o da compensación de custos por emisións indirectas de CO2. “Non está claro con que dotación se contará nin como se vai executar“, expón.

“NON ESTÁ CLARO CON QUE DOTACIÓN SE CONTARÁ NIN COMO SE VAI EXECUTAR”, EXPÓN A EMPRESA SOBRE A COMPENSACIÓN POR CO2

As mesmas fontes reiteran que a fábrica de San Cibrao pechou o 2018 con números vermellos, o que non acontecera nun período de “vinte anos”.

A multinacional insiste en que a tarifa eléctrica supón “o 40% dos custos de produción” do aluminio na planta de Cervo.

O COMITÉ PIDE IMPLICACIÓN AOS CONCELLOS

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao convidou para o vindeiro venres, 22 de marzo, a representantes dos gobernos municipais de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Valadouro, Lourenzá e Alfoz a unha reunión na planta sancibrense.

Os sindicatos alertan do “perigo de peche” ante “o elevado prezo da enerxía eléctrica“, e lembran “a importancia da fábrica de San Cibrao como motor económico e social da Mariña Lucense“. O complexo industrial cervense emprega a máis de 2.000 persoas entre traballadores directos e das empresas auxiliares.

OS SINDICATOS CITAN AOS GOBERNOS LOCAIS PARA QUE FALEN COAS ADMINISTRACIÓNS SOBRE A “SITUACIÓN CRÍTICA” DA PLANTA

Os obreiros sinalan que “a continuidade da fábrica” depende dun prezo da enerxía “na liña doutros países da Unión Europea“, e consideran que ese obxectivo “só se pode acadar cunha solución política“. Así, esixen a aprobación “en breve” das medidas solicitadas pola industria electrointensiva e o “compromiso” de Alcoa “da continuidade e do mantemento dos postos de traballo”.

Deste xeito, o comité sancibrense quere resaltar que a solución para a industria do aluminio pasa pola unidade de partidos políticos de todas as cores e insta aos propios gobernos dos concellos “afectados” a “transmitir de primeira mao a gravidade da situación ás distintas administracións”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here