Alcoa prevé que San Cibrao dea beneficios no 2019

A multinacional asegura ao comité que a malia as perdas da planta de aluminio, que "superarán" os 48 millóns de euros, o complexo industrial cervense deixará este ano un saldo "positivo"

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao. AXM

O complexo industrial de San Cibrao ofrecerá a Alcoa beneficios ao remate do exercicio 2019. A dirección da multinacional confirmou ao comité de empresa nunha xuntanza mantida este mércores que prevé que os resultados globais da factoría de Cervo sexan “positivos”.

A empresa afirmara trala presentación do borrador do estatuto da industria electrointensiva que a planta de aluminio do complexo cervense está “en risco” ao non “garantir” o documento “uns custos da enerxía competitivos en relación con outros países competidores”.

Nesta fábrica, que ten unha alta dependencia da electricidade, o custo da tarifa eléctrica supón o 40% dos gastos totais de produción, o que a converte nunha das principais beneficiadas por unha rebaixa.

Malia que nin a multinacional nin o comité de empresa ofrecen datos, na reunión cos representantes dos traballadores, Alcoa asegurou que San Cibrao deixará no 2019 cifras positivas. No 2018, segundo os sindicatos, o superávit do complexo sancibrense alcanzou os 200 millóns de euros, o que a compañía desmentiu.

A multinacional non ofrece datos globais sobre o complexo industrial cervense, pero si da fábrica de aluminio, sobre a que puxo o foco nos medios de comunicación. Segundo Alcoa, o ano pasado deixou perdas de 48 millóns de euros e a empresa prevé que este ano “o saldo negativo aumente“. Sen cifras sobre o rendemento da fábrica de alúmina, semella que esta seguirá a tirar do carro.

O presidente do comité de empresa sancibrense, Xosé Paleo (CIG), sinala que “o que se nos puxo sobre a mesa non foi en ningún momento o peche. A dirección si que nos dixo que San Cibrao está nunha situación moi complicada“, asegurou.

“en ningún momento se falou de peche, pero a situación é crítica”, resalta o comité tras unha reunión coa dirección

“NON SE GARANTE O EMPREGO”

O sindicalista afirma que obreiros e multinacional “coinciden” na valoración da maioría dos puntos do documento. Tanto a patronal como os diferentes sindicatos alegarán -teñen ata o 27 de marzo para facelo- o documento presentado polo Goberno central, que o comité de empresa considera “insuficiente“, pois “non garante a continuidade dos postos de traballo“.

As centrais cren que o estatuto “non garante un prezo da enerxía competitivo, en comparanza con outros Estados europeos”. Piden “liberar a industria electrointensiva de pagar peaxes que non teñen relación directa cos custes de produción, como a moratoria nuclear, o transporte ou os gastos extra-peninsulares”.

O comité lamenta que “a redución máis importante, a compensación por CO2, está condicionada a que no seu momento o Goberno teña dispoñibilidade orzamentaria“. Así, esixe “partidas con cifras concretas. Ademais, continuaríase coas poxas de interrumpibilidade, en condicións similares á actual”, remarca.

os sindicatos piden partidas concretas para compensar os custos indirectos por co2

Finalmente, os representantes dos traballadores de San Cibrao demandan que se esixa ás empresas beneficiarias un plan de viabilidade que contemple investimentos e o mantemento dos postos de traballo. “Permítelles despedimentos colectivos en situación de crise empresarial, á que se poden acoller se as cifras non son boas”, explica Paleo.

AS EMPRESAS PIDEN CARTOS DAS SUBASTAS DE CO2

Nunha nota de prensa emitida na tarde deste mércores, a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (Aege) cuestionou o documento para pedir, entre outras cuestións, que se cree “un mecanismo asignación dos recursos procedentes das subastas de CO2 -1.600 millóns de euros nos dous últimos anos-, tal e como permite a normativa europea, para pagar a compensación por emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro“.

as electrointensivas din que a enerxía seguirá a ser “entre 18 e 23 euros por megavatio/hora máis cara” que en alemaña ou francia

A agrupación sinala que, co actual estatuto das electrointensivas, “o diferencial de prezo eléctrico final con Alemaña e Francia está entre 20 e 25 euros por megavatio/hora” e que o borrador do documento “sólo suporía unha mellora real de dous euros“.

O PP CARGA CONTRA O GOBERNO

A Xunta de Galicia anunciou que presentará alegacións ao borrador do estatuto da industria electrointensiva, que ao seu xuízo “estende o risco” de peche a Alcoa San Cibrao, logo da suspensión de electrolise e da procura de comprador en Avilés e A Coruña.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou que o documento “confirma o peor escenario” e que “consensuará” coas compañías “as medidas a propór”.

Pola súa banda, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, calificou de “inquietante” a alerta da multinacional tralos peches das fábricas da Grela e San Balandrán e sostivo que “é responsabilidade do Goberno central facilitar a viabilidade de Alcoa na Mariña Lucense“.

parlamento e pleno provincial discutirán a situación da planta, a xunta alegará e o alcalde responsabiliza ao executivo

O grupo provincial do Partido Popular (PP) presentou unha moción que será debatida no vindeiro pleno da Deputación de Lugo -o 26 de marzo- na que esixe ao Goberno do Estado que revise a súa proposta de estatuto para a industria electrointensiva, posto que considera que o seu contido “pode ser prexudicial” para o futuro da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.

Tamén se debaterá a situación da industria electrointensiva no Parlamento galego. PP e BNG coincidiron en considerar “insuficiente” o borrador publicado polo Executivo central.

o goberno lembra que hai un prazo para facer “achegas” e pide “tranquilidade”

O EXECUTIVO INSTA A FACER ACHEGAS

Pola súa banda, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, asegurou que o estatuto “cumpre coas demandas” da industria electrointensiva e pediu “tranquilidade”.

O representante do Executivo socialista instou ás partes interesadas a “facer achegas”, lembrando que aínda quedan varios días para presentar alegacións.

ACTOS REIVINDICATIVOS

O comité de empresa manterá unha xuntanza o vindeiro venres cos alcaldes da Mariña Lucense para involucralos na reclamación dun abaratamento da enerxía para empresas como Alcoa.

Para o 28 de marzo hai prevista unha concentración diante do Congreso dos Deputados para visibilizar a situación de Avilés e A Coruña. O mesmo día celebrarase outra protesta no polígono de Sabón, en Arteixo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here