“A Mariña Lucense non se entende sen o aluminio”

O comité de Alcoa San Cibrao entrega aos alcaldes mocións para que expoñan a situación da planta nos plenos e ante as administracións

Reunión do comité cos alcaldes da Mariña. AXM

O comité de Alcoa San Cibrao buscou este venres a unidade política dos concellos da Mariña Lucense para reivindicar un prezo da electricidade que garanta a continuidade do emprego na planta de aluminio cervense, que a multinacional ve “en risco” despois de que o Goberno publicase un estatuto dos consumidores electrointensivos que non a satisfai.

Os representantes dos traballadores convocaron aos alcaldes de dez municipios da bisbarra –RibadeoBarreirosFozBurelaCervoXoveViveiroO Valadouro, Lourenzá e Alfoz- para entregarlles unha moción que os gobernos locais levarán de urxencia aos plenos municipais.

Acudiron á chamada nove dos dez rexedores, o que o comité de San Cibrao agradeceu. “Explicámoslles o problema e agradecemos a súa implicación. O peche de Avilés e A Coruña fixo que todo o mundo tomase conciencia de que pode pasar tamén en Cervo, e notamos esa preocupación e ese respaldo”, expón Xosé Paleo (CIG), presidente do órgano de representación dos traballadores.

Os sindicatos con representación no comité sancibrense –CIG, UXT, CC OO e CSIF– acordaron unha serie de reivindicacións -como a concreción dunha partida para compensación polos custos de emisións indirectas de CO2 ou a esixencia do mantemento do emprego ás empresas beneficiarias do estatuto- que presentaron aos rexedores, a fin de implicalos na defensa dun complexo industrial que dá emprego “a 2.000 obreiros, tanto nas plantas como nas empresas auxiliares”.

“NON É UN PROBLEMA SÓ DO ACTUAL GOBERNO”

Nun contexto de inestabilidade política que non beneficia a aprobación de medidas que Alcoa demanda desde 2013, cando se eliminou a tarifa G-4, cunhas eleccións xerais que se presumen “incertas”, o comité quixo deste xeito “unir esforzos” e reivindicar “que o problema non é só dos que están no Goberno agora mesmo, senón de todos”, explica Paleo.

“Hai que acadar unha tarifa eléctrica que nos permita competir xa non con Noruega, pero alomenos si con países da nosa contorna como Alemaña ou Francia“, sinala o sindicalista.

Segundo a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (Aege), o estatuto publicado polo Executivo só abarataría a enerxía eléctrica “dous euros” ás empresas electrointensivas, que seguirían a pagar “entre 18 e 23 euros máis” cás francesas ou xermanas.

ALEGACIÓNS

A patronal -da man da Xunta de Galicia– e os sindicatos, a título individual, alegarán ao documento. Poderán facelo ata o 27 de marzo. O Goberno prevé aprobar de urxencia o documento dous días antes das eleccións, o 26 de maio, polo que non haberá un prazo excesivo para resolver as alegacións.

ALUMINIO EMPREGA A 600 OBREIROS DIRECTOS

No punto de mira, trala ameaza de Alcoa, está unha planta de aluminio que ten un alto consumo de electricidade -supón o 40% dos gastos de produción– da que depende boa parte da economía da Mariña Lucense: dá emprego só no complexo a arredor de 600 traballadores. Segundo as previsións da empresa, a fábrica superará no 2019 as perdas de 48 millóns coas que pechou o exercicio 2018, aínda que o rendemento da factoría de alúmina equilibrará o conxunto e non se prevén perdas.

“O MOTOR ECONÓMICO”

Os alcaldes resumiron a importancia do complexo industrial para a bisbarra. O primeiro edil de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “administracións e representantes sindicais temos que ser unha voz diante dun problema moi importante para a nosa zona”.

O tamén popular Demetrio Salgueiro, de Xove, expuxo que “non se pode entender A Mariña Lucense sen Alcoa” e “sinalou que temos que lanzar unha mensaxe común de manter o emprego para que o Ministerio cumpra as súas promesas de establecer un prezo competitivo da enerxía”. 

A socialista María Loureiro, rexedora de Viveiro, explicou que “temos independentemente das cores políticas un único obxectivo: que non peche o elemento dinamizador da economía desta bisbarra. O que me transmiten do Goberno central é que hai que ter calma, que o estatuto está aí, hai un prazo de exposición pública para modificar as cousas que sexan posibles legalmente, estase aberto a negociar e a buscar un consenso”.

Finalmente, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, rexedor de Ribadeo, avogou por “unha tarifa eléctrica diferenciada para un territorio, como Galicia, que é excedentario en produción de electricidade. Aquí non temos laranxas nin aceite de oliva. O noso recurso é a enerxía, e non pode ser unha razón pola que se nos vaian as empresas”, concluíu.

CONCENTRACIÓNS

UXT, CC OO e CSIF fletarán autobuses para achegarse á manifestación convocada polos comités da Coruña e Avilés o vindeiro 28 de marzo diante do Congreso dos Deputados, de 11.00 a 13.30 horas.

Os tres sindicatos piden a maior afluencia posible, dada a situación de incerteza do complexo industrial cervense.

Ese mesmo día haberá outra protesta no polígono de Sabón, en Arteixo, á que tamén acudirán obreiros de San Cibrao.

FEIJÓO: “5.000 AFECTADOS” POLA TARIFA

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se “o prezo da luz non baixa”, as electrointensivas “non terán futuro” en Galicia. O responsable do Goberno galego lembrou que hai “5.000 persoas afectadas, tanto en Alcoa A Coruña como San Cibrao, en Megasa ou Ferroatlántica“.

Feijóo asegurou que o prezo da luz neste tipo de empresas “subiu un 70% nos últimos anos“, polo que “ou facemos unha tarifa competitiva, ou hai graves riscos de deslocalización e perda de emprego”.

CALVIÑO: “A ENERXÍA NON É O ÚNICO FACTOR”

A ministra de Economía, Nadia Calviño, asegurou este venres que o prezo da electricidade “non é o único factor determinante para a permanencia e continuidade” das empresas electrointensivas.

Preguntada pola viabilidade de plantas en crise, como é a de Alcoa en San Cibrao, Calviño argumentou que os prezos da enerxía para as industrias electrointensivas é unha cuestión que “debera resolverse a nivel europeo“.

En “ausencia” destas regras, considera o estatuto “razonable dentro do marco que se permite no control de axudas públicas por parte da Comisión Europea“.

1 COMMENT

  1. a culpa do que esta pasando a teñen os partidos expañolentos PODREIROS, PEPE-$OUME e os sindicato amarelos COCO-misionados e OGETES… e necesario e de urxencia un-ha tarifa eléctrica galega…soamente o nacionalismo pode salvar a Galiza

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here