O BNG pedirá “un trato diferenciado” para Galicia nas alegacións ao estatuto das electrointensivas

Subliña que Euskadi conseguiu unha rebaixa "de 23 megavatios" para as empresas con alta demanda de electricidade

Pontón, nunha xuntanza cos traballadores de Alcoa. EFE

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, anunciou que o partido frontista presentará alegacións ao estatuto dos consumidores electrointensivos publicado o pasado luns polo Goberno central, que sitúa “en risco” a planta de aluminio de San Cibrao segundo a multinacional Alcoa.

Pontón desprazouse este luns para reunirse co comité de empresa da fábrica de Cervo, ao que tamén acudiron a deputada parlamentaria Olalla Rodil e a candidata ao Congreso Maite Ferreiro. A dirixente do BNG pediu un trato “diferenciado” para Galicia, pola súa condición de produtora de electricidade.

A voceira nacional do BNG asegurou que comparte “a preocupación” e a “indignación” dos traballadores ante o feito “insólito e inaceptable” de que “Galicia, sendo produtora excedentaria de enerxía eléctrica, teña miles de postos de traballo en xogo polos altos prezos da electricidade”.

Pontón instou aos gobernos central e autonómico a achegar “solucións”, porque neste momento “non hai alternativas de futuro para Alcoa A Coruña, onde de momento non hai comprador”, e a proposta de estatuto electrointensivo “deixa no aire o futuro da planta de San Cibrao”.

Neste sentido, non só criticou ao Executivo central senón tamén á Xunta de Galicia, facendo alusión ao trato diferenciado que teñen outras autonomías do Estado.

CRÍTICAS A PSOE E PP

Pontón cualificou de “decepcionante” a resposta do PSOE, que “non permite ás empresas competir” nin “ofrece garantías de que as rebaixas se vexan acompañadas de investimentos e do mantemento do emprego“. 

Tamén instou ao presidente da Administración galega, Alberto Núñez Feijóo, a negociar mellores condicións para a comunidade.

Feijóo ten que explicar como é posible que en Euskadi o goberno nacionalista conseguise unha rebaixa de 23 euros por megavatio para a industria electrointensiva e sen embargo a oferta que hai sobre a mesa do Goberno español é unha oferta de 4,2 euros por megavatio”, asegurou.

Tanto os sindicatos, a título individual, como a patronal e a Xunta de Galicia anunciaron que alegarán o documento. Precisamente, o presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), asegurou que “probablemente o mércores” as centrais presentarán as súas modificacións.

PINTADAS EN PONTEVEDRA

Pontón tamén se referiu ás pintadas ameazantes na casa da edil da BNG en Pontevedra Carme da Silva. A voceira do Bloque pediu a apertura dunha investigación “con carácter inmediato” para identificar os autores.

“Ningún cargo público, ningunha persoa deste país ten que ver como é atacada desa maneira sen que haxa unha resposta á altura da gravidade dos feitos“, afirmou.

XUNTANZAS COS PARTIDOS

A de Pontón foi a primeira dunha rolda de xuntanzas que o comité de empresa manterá coas distintas forzas políticas, despois de que o pasado venres entregase mocións a nove alcaldes da Mariña Lucense, a fin de que as presenten nos plenos municipais e conciencien ás respectivas administracións da importancia da planta para o tecido económico da bisbarra.

Convocatoria dos sindicatos para desprazarse a Madrid. AXM

CONCENTRACIÓN NO CONGRESO

As seccións de CC OOUXT e CSIF de Alcoa fletarán autobuses para acudir á concentración convocada polos comités de empresa da Coruña e Avilés no Congreso dos Deputados, o 28 de marzo a partir das 11.00 horas. 

1 COMMENT

  1. 4,2 euros por megavatio?????

    ya sé que se financia este periodico con dinero publico gracias al psoe, pero de ahí a inventar esas cifras de 4,2 megavatio….

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here