InicioEconomía"Moitas promesas e poucas solucións para Alcoa", denuncia CC OO sobre as...

“Moitas promesas e poucas solucións para Alcoa”, denuncia CC OO sobre as reunións no Congreso

O traballador da planta da Coruña detido este xoves durante a concentración en Madrid foi posto en liberdade

Publicada o

- Advertisement -

Comisións Obreiras (CC OO) asegurou que nos encontros celebrados este xoves no Congreso dos Deputados recibiu “moitas promesas e poucas solucións” sobre o futuro das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, en proceso de peche. A multinacional ameazou ademais con pechar a planta de aluminio de San Cibrao trala publicación dun estatuto do consumidor electrointensivo que ve “insuficiente”.

Os sindicatos mantiveron sucesivas reunións con deputados de PP, PSOE, Unidos Podemos e Ciudadanos, e tamén co secretario xeral de Industria e da Peme, Raül Branco, e coa presidenta do Congreso, Ana Pastor.

Nun comunicado, tal e como recolle Galicia Confidencial, o sindicato critica as “poucas realidades” obtidas tralas xuntanzas, mentres tiña lugar unha concentración de traballadores da multinacional nas inmediacións da Cámara Baixa.

Así mesmo, CC OO  expresou a súa “condena” polos “altercados” e os “varios golpes da Policía” sufridos polos traballadores e lembrou que os manifestantes “eran obreiros e non delincuentes“.

REPRESENTACIÓN DE CERVO

Uns 150 traballadores da planta de Cervo asistiron á concentración, tanto en coches particulares como en dous autobuses fletados por CC OO, UXT e CSIF. Fontes sindicais de San Cibrao lamentaron a “represión” empregada polas forzas de seguridade do Estado.

Traballadores de San Cibrao, en Madrid con obreiros de Ferroatlántica. AXM

“MOITA REPRESIÓN”

traballador da planta de Alcoa na Grela detido este xoves durante a concentración foi posto en liberdade esta tarde.

A persoa detida forma parte do persoal da planta de Alcoa na cidade herculina. Tras ser arrestado ao mediodía, a Policía levouno a tomar declaración á sede da Brigada Provincial de Información da Policía Nacional en Moratalaz. Logo de finalizar a concentración, sobre as 13.30 horas, unha delegación de traballadores acudiu ata o lugar para reclamar a posta en liberdade do seu compañeiro e a esperar a súa saída de comisaría.

Segundo informaron estas fontes, a Policía identificou ao presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho, e ao secretario xeral de Industria de Comisións Obreiras (CC OO) de Galicia, Víctor Ledo, tras preguntarlles se acudiran á concentración fronte ao Congreso.

Durante a protesta convocada polos sindicatos, que se situou entre Neptuno e a Plaza de las Cortes, onde estaba un cordón policial, varios traballadores lanzaron petardos e mostraron bengalas, accións recriminadas en máis dun momento polos axentes.

Arredor do mediodía producíronse empurróns entre policías e traballadores, e varias persoas acabaron reducidas no chan por parte dos axentes, excedeuse o cordón policial e derrubáronse valos. Representantes sindicais da planta de Cervo criticaron a “represión” practicada polos axentes.

POLÉMICA POLA ACTUACIÓN DOS DEPUTADOS

Varios deputados de Unidos Podemos, como Antón Gómez-Reino, rifaron cos axentes. Yolanda Díaz asegurou que foi golpeada. Entre as persoas ás que as forzas de seguridade do Estado reduciron no chan atopábase o secretario xeral de Industria de CC OO, Agustín Martín.

Neste senso, o deputado de En Marea Pancho Casal, afín a Luís Villares e que acompañou aos traballadores no traxecto en autobús, criticou a “sobreactuación dalgúns políticos profesionais“, que lle deu “vergoña allea“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...