En Marea condiciona apoios a un estatuto que dea “viabilidade a Alcoa” e garanta “investimentos”

Luís Villares explicou as alegacións da formación ao borrador do documento nunha xuntanza co comité de empresa da fábrica de San Cibrao

Reunión dos representantes de En Marea co comité de San Cibrao. AXM

En Marea condiciona o seu respaldo a calquera Goberno que saia das vindeiras eleccións xerais, o 28 de abril, á aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo que estabilice os prezos da enerxía e ofreza viabilidade a empresas como Alcoa.

Así o anunciou o voceiro nacional da formación, Luís Villares, nunha visita ao complexo industrial da multinacional en San Cibrao, cuxa planta de aluminio está “en risco”, segundo a dirección, trala publicación dun estatuto das electrointensivas que non satisfai á empresa.

Villares reuniuse co comité de empresa da fábrica de Cervo, acompañado polos candidatos ao Congreso por Lugo, Cristina Pérez Herraiz e Javier Arca Uría, traballador de Alcoa. Tamén acudiu o candidato pola Coruña e deputado Francisco Casal.

O voceiro de En Marea explicoulle aos representantes dos 1.300 traballadores de Alcoa en San Cibrao as alegacións da formación política ao borrador do estatuto das electrointensivas presentado polo Goberno central.

Un estatuto claramente insuficiente”, expuxo Villares, que avogou por un marco que permita “estabilizar os prezos da enerxía, e facelo a costa de diminuír os beneficios das grandes empresas eléctricas. É posible facelo, a Unión Europea permíteo, pero é precisa vontade política”, concluíu.

As alegacións de En Marea buscan tamén “que empresas como Alcoa realicen investimentos na industria e que garantan a súa viabilidade e os postos de traballo”, argumentou Villares. Un extremo que, tal e como asegurou o voceiro da formación, será “imprescindible á hora de apoiar calquera Goberno que saia das próximas eleccións do 28 de abril”.

“O 100% DA ESPERANZA INDUSTRIAL DA MARIÑA”

Tanto Villares como Arca destacaron o papel fundamental da planta de San Cibrao no tecido socioeconómico da Mariña Lucense.

Alcoa supón o 100% da esperanza industrial da comarca. Porque supón máis do 30% do PIB da provincia e 3.500 postos de traballo directos”, afirmou.

Entendemos que toda as empresas dos arredores de San Cibrao, directa ou indirectamente viven desta fábrica. Por iso é imprescindible para Lugo que se solucione o estatuto das electrointensivas e que este aporte estabilidade a longo prazo para todas as familias que viven desta industria”, sostivo Arca.

O Consello de Ministros autorizou este venres a convocatoria para a concesión de 91 millóns de euros en subvencións á industria electrointensiva, cos que se tentarán compensar os custos de emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) nos que incorreu no ano 2018.

O GOBERNO INXECTA 91 MILLÓNS

Tal e como recolle Galicia Confidencial, dos 91 millóns, o Ministerio para a Transición Ecolóxica aboará 70 millóns, mentres que o resto correrá a cargo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Segundo expuxo a voceira do Goberno, Isabel Celaá, esta medida, incluída no borrador do estatuto do consumidor electrointensivo, ten como finalidade “proporcionar un marco de estabilidade e potenciar o crecemento económico e a competitividade da industria no mercado global, mantendo e xerando emprego de calidade”.

Celaá admitiu que esta nova convocatoria é “unha medida máis” para “facer viable a produción do aluminio”, sexa na multinacional Alcoa ou “nos proxectos que poden vir arredor de Alcoa”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here