Ence prevé investir en Navia o programado para Pontevedra, o que suporía gañar 200 empregos

O grupo empresarial asegura que, de non prorrogarse a concesión da factoría pontevedresa, dobraría os 300 millóns de capital que proxecta inxectar ata 2023 na fábrica asturiana

Ence Navia. WIKIPEDIA

EFE. O conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, afirmou este martes que o grupo empresarial ten previsto investir na súa planta de fabricación de pasta de celulosa de Navia o financiamento programado para a de Pontevedra, polo que “é moi probable” que a cifra de 300 millóns prevista para a factoría asturiana “se dobre” en cinco anos.

Deste xeito, o investimento na factoría do occidente asturiano podería rondar os 600 millóns de euros e supoñer unha ganancia de 200 empregos, extremo que dependerá do que finalmente pase coa planta que Ence ten en Pontevedra e coa solicitude de prórroga da súa actividade para 60 anos máis xunto á ría.

350 MILLÓNS DESDE 2007

Colmenares fixo estas declaracións intres antes de reunirse co presidente do Principado, Javier Fernández, con cuxa saída da política, afirmou, péchase “un período moi importante” en Ence Navia, onde se investiron 350 millóns de euros desde 2007.

A celulosa ten comprometidos no seu plan estratéxico ata o ano 2023 outros 325 millóns de euros de investimento, sen contar os que poden chegar dos destinados inicialmente á factoría galega.

“SEGURIDADE XURÍDICA” EN ASTURIAS

O conselleiro delegado, que apuntou que nos últimos dez anos a fábrica naviega dobrou a súa capacidade de produción e aumentou nun 30% o cadro de persoal, fiou o traspaso a Asturias do diñeiro programado para a planta de Pontevedra á “seguridade xurídica” que, no caso do Principado, “non ofrece dúbidas” xa que a factoría aséntase en solo da súa propiedade, que se ve afectado pola Lei de Costas.

DE 80.000 A 250.000 TONELADAS

O compromiso da “ampliación grande” da planta de Navia sitúase nun horizonte temporal “a cabalo entre 2021 e 2022” e suporá a diversificación da produción cara a fabricación de celulosa para produtos de incontinencia ou para viscosa con aplicacións téxtiles. A ampliación podería supoñer sumar 250.000 toneladas ás 80.000 que se fabrican na actualidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here