San Cibrao queda “sen futuro” sen un estatuto das electrointensivas, afirman os obreiros de Alcoa

Nunha concentración convocada pola CIG, o presidente do comité de empresa da fábrica de Cervo critica que o Goberno "incumprise a súa promesa" de aprobar o documento este venres

Concentración da CIG en Alcoa San Cibrao. TWITTER

EFE. Traballadores da planta que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo, en San Cibrao, concentráronse este venres ante a factoría, convocados pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para reclamar un prezo da enerxía que garanta a supervivencia do complexo industrial e, en consecuencia, o mantemento dos empregos neste centro de traballo.

O presidente do comité de empresa da fábrica e delegado da CIG, Xosé Paleo, recoñeceu que a concentración deste venres sumou nas últimas horas un novo motivo, dado que o Goberno “incumpriu a súa promesa de dar solución ao problema que xera o prezo da enerxía” ao non aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, co que os traballadores fican “sen perspectivas de futuro a longo prazo“.

“Para as electrointensivas, a enerxía é parte da materia prima que se utiliza para traballar e en canto á industria do aluminio, supón o 40% dos custos de produción“, precisou Paleo aos medios de comunicación.

Nese senso, afirmou que o actual prezo da enerxía “fai inviable competir nun mercado global” con países nos que o prezo da electricidade é máis barato.

No tocante á postura do Goberno, lamentou que chegados a este punto “poña excusas“, porque se tivese unha solución, o mellor momento para poñela enriba da mesa sería agora, ao final da campaña electoral”. Como o Executivo non o fixo, iso fai pensar aos traballadores “que non hai esa solución“.

“ESCENARIO PÉSIMO”

“O escenario que se nos presenta é pésimo“, explicou Paleo, porque “aboca ás fábricas da Coruña e Avilés ao peche” e deixa “sen perspectivas de futuro” a San Cibrao.

Na protesta participaron tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o secretario nacional de CIG Industria, Xoán Xosé Bouzas; o secretario comarcal, Antonio Niño; e o responsable do sindicato na Mariña Lucense, Xorxe Caldeiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here