InicioEconomíaAlcoa di que a situación de aluminio en Cervo "é complicada" e...

Alcoa di que a situación de aluminio en Cervo “é complicada” e o Goberno promete 200 millóns polo CO2

Os traballadores ven San Cibrao "sen futuro a longo prazo" tras dar marcha atrás o Goberno á tramitación do estatuto dos grandes consumidores de enerxía eléctrica

Publicada o

- Advertisement -

Traballadores da planta que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo, en San Cibrao, concentráronse este venres ante a factoría, convocados pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para reclamar un prezo da enerxía que garanta a supervivencia do complexo industrial e, en consecuencia, o mantemento dos empregos neste centro de traballo.

O presidente do comité de empresa da fábrica e delegado da CIG, Xosé Paleo, recoñeceu que a concentración deste venres sumou nas últimas horas un novo motivo, dado que o Goberno “incumpriu a súa promesa de dar solución ao problema que xera o prezo da enerxía” ao non aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, co que os traballadores fican “sen perspectivas de futuro a longo prazo“.

“Para as electrointensivas, a enerxía é parte da materia prima que se utiliza para traballar e en canto á industria do aluminio, supón o 40% dos custos de produción“, precisou Paleo aos medios de comunicación.

Nese senso, afirmou que o actual prezo da enerxía “fai inviable competir nun mercado global” con países nos que o prezo da electricidade é máis barato.

No tocante á postura do Goberno, lamentou que chegados a este punto “poña excusas“, porque se tivese unha solución, o mellor momento para poñela enriba da mesa sería agora, ao final da campaña electoral”. Como o Executivo non o fixo, iso fai pensar aos traballadores “que non hai esa solución“.

“ESCENARIO PÉSIMO”

“O escenario que se nos presenta é pésimo“, explicou Paleo, porque “aboca ás fábricas da Coruña e Avilés ao peche” e deixa “sen perspectivas de futuro” a San Cibrao.

Na protesta participaron tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o secretario nacional de CIG Industria, Xoán Xosé Bouzas; o secretario comarcal, Antonio Niño; e o responsable do sindicato na Mariña Lucense, Xorxe Caldeiro.

Traballadores da Coruña manifestáronse este venres para pedir “feitos” ante a ameaza de peche que planea sobre a fábrica, con data límite o 30 de xuño.

A EMPRESA FALA DE PERDAS MILLONARIAS

Fontes de Alcoa aseguraron este venres que a situación da planta de aluminio primario de Cervo -a única de España-, cuxo custo da tarifa eléctrica supón “un 40%” dos gastos de produción, “é complicada” tras dar marcha atrás o Goberno á aprobación do estatuto para os grandes consumidores de enerxía.

A empresa prevé que aluminio -que emprega a máis de 600 traballadores- dea este ano perdas superiores ás rexistradas no 2018, de 48 millóns de euros.

A planta de alúmina -na que traballan case 600 operarios- si deu beneficios no pasado exercicio e superou con creces esa cifra; segundo os sindicatos, puido alcanzar os 200 millóns de superávit, o que a firma desminte. En todo caso, a previsión de Alcoa é que en conxunto o complexo industrial de San Cibrao siga dando beneficios, segundo confirmou o propio comité.

Alcoa insiste na necesidade de acadar “de forma urxente” unha “solución enerxética” que permita “competitividade nos custos da enerxía” respecto a outros países europeos e “certeza” nesa mesma tarifa, pois do contrario “comprométese a viabilidade da industria e as ofertas polas plantas da Coruña e Avilés”.

Segundo a multinacional, os custos da enerxía “superan en máis do 50%” aos dos competidores nos países da contorna.

No tocante ao estatuto, Alcoa agarda que no intre de retomalo se teñan en conta as súas alegacións no tocante á distinción entre empresas electrointensivas e hiperelectrointensivas, e tamén no relativo á compensación por emisións indirectas de CO2. A compañía pide concreción nos orzamentos das axudas e que se estableza o máximo permitido pola Unión Europea (UE).

AUMENTO DAS AXUDAS POR CO2 “EN SEMANAS”

O Goberno afirmou que ten previsto elevar as axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) de 91 millóns de euros a 200, como medida para abaratar os custos enerxéticos das empresas elecrointensivas como Alcoa, anunciou a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra.

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, garantiu este venres en Oviedo que as axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 por un total de 200 millóns aprobaranse polo Goberno en funcións “nas próximas semanas” ou polo novo Executivo se acada unha maioría suficiente para constituírse rapidamente.

REACCIÓNS DAS FORZAS POLÍTICAS

Ao longo das últimas horas sucedéronse as reaccións das forzas políticas ao anuncio do Executivo central de que posporá a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo para despois das eleccións xerais.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualificou de “burla e vergoña” a marcha atrás do Goberno, mentres que Ana Pontón, responsable do BNG, afirmou que “situacións coma esta non pasarían cun partido nacionalista decisivo en Madrid“.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, argumentou que “practicamente non existe ningunha posibilidade” de manter o persoal na Coruña. Unidas Podemos pediu “salvar nas urnas” a unha Alcoa á que o Executivo “vai deixar caer”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...