InicioEconomíaA frota pide á sociedade que se “implique” na mellora da imaxe...

A frota pide á sociedade que se “implique” na mellora da imaxe da pesca para garantir o relevo

O sector demanda en Expomar máis orzamento para promoción, unha materia obrigatoria de nutrición ou a unidade de criterios a nivel europeo no tocante ás competencias das titulacións

Publicada o

- Advertisement -

Nunha intensa segunda xornada de Expomar, coa celebración do Consello Galego de Pesca, a feira náutica-pesqueira deixou no habitual encontro empresarial un chamamento do sector pesqueiro á sociedade para que “se implique” na “mellora da imaxe da pesca”, chave para garantir un relevo xeracional que se presume incerto.

ENCONTRO EMPRESARIAL

Nunha reunión na que participaron empresarios da pesca de todo o Estado, que serviu para acadar unha serie de reivindicacións comúns, o sector salientou que a pesca é un dos poucos sectores socioeconómicos nos que España é líder na Unión Europea. “Un total de 8.972 barcos capturan 940.000 toneladas de peixe”, sinalaron o que permite ofrecer aos consumidores “dez millóns de racións de peixe, a fonte de proteína máis saudable e respectuosa co medio ambiente na terra, ao día”.

os barcos españois ofrecen “dez millóns de racións de alimento ao día”

Os empresarios cren que é necesario que todos os axentes sociais se impliquen en mellorar a imaxe da pesca como carreira profesional. “A pesar da evidente evolución das condicións dos buques, salariais e laborais, o traballo no mar segue sen ser atractivo para os máis novos”.

O estudo sociolaboral da frota de media altura de Burela, presentado na primeira das xornadas técnicas, pretende desmontar certos prexuízos asociados á actividade pesqueira, como os da escaseza dos salarios ou a inestabilidade laboral.

FORMACIÓN

No tocante ao ámbito sociolaboral, o sector pesqueiro propón unha equiparación de criterios que acabe coas diferenzas entre os países da Unión Europea no tocante ás competencias das titulacións pesqueiras. Tamén que se facilite o acceso de todos os interesados á formación, que debe estar adaptada á realidade dixital.

Outra das reivindicacións do sector é que as institucións europeas non teñan en conta os GTs e KWs para medir a capacidade, para facilitar melloras nas condicións de habitabilidade dos buques. Ademais, o empresariado do mar pide ao Goberno central que ratifique o convenio 188 da OIT, sobre o traballo na pesca.

A revisión do funcionamento do Servizo Público de Emprego (SEPE); o deseño de políticas pesqueiras “non só desde a política medioambiental, senón tendo en conta a importancia global” da pesca e o seu impacto “no resto da economía”; unha Política Pesqueira Común (PPC) “máis flexible” e cun “enfoque máis rexional”; a mellora das cotas; a inclusión do sector pesqueiro nas negociacións do Estado respecto do Brexit e o desenvolvemento dun fondo para paliar as súas consecuencias; ou unha mellora de coordinación entre Administracións para executar o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) son outras das propostas.

O encontro empresarial de Expomar tamén deixou conclusións sobre a obriga de desembarque, coa petición de que se aproben “urxentemente” as ordes reguladoras para a aplicación da normativa de descartes cero, así como de que se doten de máis medios aos institutos científicos.

NUTRICIÓN, MATERIA OBRIGATORIA

No referente á promoción e comunicación da pesca, os empresarios piden un maior orzamento dedicado a este propósito, así como unha estratexia máis clara para transmitir a importancia da actividade pesqueira; a aplicación da redución do IVA actual do 10% ao 4% “como investimento na saúde dos españois”; e a solicitude dunha materia obrigatoria sobre nutrición nos colexios.

CONSELLO GALEGO DE PESCA

Expomar acolleu este venres, na súa segunda xornada, a primeira reunión do Consello Galego de Pesca fóra de Santiago de Compostela e tamén a primeira trala súa renovación, unha veces completados os comicios nas confrarías.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu un encontro no que se abordou a reforma do regulamento xeral de Costas que propón o Goberno do Estado, e que segundo a Xunta de Galicia e a patronal pon en risco máis dun cento de empresas galegas entre conserveiras, depuradoras de moluscos, cocedoiros e instalacións de acuicultura.

Reunión do Consello Galego de Pesca en Burela. AXM

Neste primeiro encontro do novo pleno, coa renovación de arredor do 40% dos seus membros, a Consellería do Mar indicou os cambios que implica a nova normativa. Entre eles resaltou as variacións no prazo de duración das concesións, que agora “quedaría nun máximo de 75 anos con prórrogas incluídas, cando antes non se contabilizaba a concesión inicial senón unicamente as prórrogas”.

o regulamento xeral de costas foi un dos temas centrais do pleno do sector pesqueiro galego, por primeira vez fóra de santiago

Outro dos puntos de controversia do regulamento é a necesidade de revisar o cumprimento dos requisitos para o outorgamento da concesión, trámite xa realizado no seu momento, cando se proceda a decidir sobre a prórroga. A isto súmase a necesidade de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre todas as actividades que poidan emprazarse noutro lugar, o que segundo a Xunta “complicaría a rendibilidade dalgunhas empresas”.

A Consellería do Mar explicou ao sector que xa presentou alegacións a esa reforma coa idea de garantir ao máximo o principio de seguridade xurídica de maneira que os distintos operadores afectados non queden a expensas dos cambios de criterio dos sucesivos Gobernos.

FEMP

O Consello Galego de Pesca tamén abordou o deseño do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027. O Consello Galego de Pesca acordou constituír un grupo de traballo para elaborar antes de xuño un ditame sobre o futuro fondo coas principais reivindicacións de Galicia.

XORNADAS TÉCNICAS

A xestión pesqueira centrou a tarde do venres nas xornadas técnicas, con debates sobre a obriga de desembarque ou o Brexit. 

CARTEL INFORMATIVO EN BRAILLE

A Federación de Confrarías de Lugo e a Consellería do Mar presentaron un cartel adaptado ao braille que contén información sobre diferentes especies de peixe e mariscos e o seu período de consumo. Permite que calquera persoa, cun lector de pantalla, poida interpretar o contido de maneira sonora.

Presentación da iniciativa de ‘Cando como?’. AXM

Esta iniciativa forma parte da campaña de difusión da cultura mariñera ‘Cando o como?‘, no marco do convenio entre a federación de pósitos mariñá e a Xunta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...